Internet que se orixinou na década dos sesenta comezou a tomar protagonismo na nosa vida cotiá na segunda metade dos noventa e é hoxe en día unha ferramenta indispensable mesmo para as accións máis superfluas do día a día.
A súa capacidade para “invadir” case tódolos ámbitos das nosas vidas vén dada polo seu valor como ferramenta de comunicación entre calquera punto do globo e pola súa posibilidade de acceso ilimitado á información. Isto foi empurrando aos gobernos cara ao establecemento dunha lexislación que regulase o seu uso, a cal provoca en moitas ocasións a vulneración de liberdade de expresión e da protección de datos e privacidade das persoas usuarias.
No artigo IV da “Declaración de dereitos de internet do senado español” (9-12-1999) pódese ler que “garantiranse o segredo das comunicacións electrónicas e a privacidade dos datos”. Mesma idea de base que se recolle no Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos. Porén as informacións como as que indican que Facebook ou Myspace “entregan información relevante dos consumidores ás compañías de publicidade sen o consentimento do usuario”, amosan que na práctica os dereitos dixitais non son respectados polos gobernos e as grandes empresas.
Tendo en conta, que a venda datos privados move 100.000 millóns de dólares ao ano, segundo un estudio da consultora Roland Berger, faise patente a necesidade dunha reacción tanto a nivel individual coma colectiva, que denuncie como se esta a comercializar coas nosas informacións privadas. Expoñendo a quen comercia con dita información (Google, Facebook, Microsoft, Amazon…) quen a vende e quen está a mercala.
Cómpre informarnos e reeducarnos para non deixar na rede información sensible, e evitar expoñer á vista de todos datos cos que logo se poida comerciar. Así mesmo é importante compartir esta información con todos aqueles que poidamos, creando iniciativas por exemplo á hora de traballar en rede con ferramentas máis específicas que protexan os datos sensibles, ademais de denunciar abertamente o problema na procura dun marco que realmente defenda os nosos dereitos. Que internet siga sendo un espazo que horizontalice a sociedade ou que se converta nunha ferramenta máis dende a que consolidar unha sociedade inxusta depende de cada un e cada unha de nós.