Editorial: (anti)especismo

23Portada: Silvia Pérez (Shivi)

Unha vez pasado o 2014 habería que facer un hipotético reconto total do número de vítimas inocentes que inxustiza e a barbarie se cobraron nestes 365 días. A persoa encargada de computar esas cifras moi probablemente pasaría polo alto a porción máis importante desas vítimas, centrándose unicamente no xénero humano, polo que a ese resultado faltaríanlle bastantes ceros.


Afortunadamente para os animais (para evitar eufemismos especistas ímonos referir a eles como os non humanos), cada vez máis xente vai tomando consciencia da súa dor e do seu sufrimento, resultando disto un crecente labor de denuncia e educación por parte dos movementos de liberación animal. A loita é longa e o camiño malamente está comezando a ser camiñado, pois son amplos os sectores da poboación os que directamente desprezan esta loita, por entenderen que hai cousas máis importantes ou, aínda máis común, por defenderen a rancia visión de que os animais están no mundo (agás claro que sexan as súas mascotas) para servirnos de prato na mesa. Dende que a principios dos anos 70 se iniciaron os Movementos de Liberación Animal as posturas e enfoques, tanto persoais como colectivas, teñen derivado nunha enorme diversidade de enfoques á hora de abordar a cuestión dos dereitos dos animais. Durante anos, os movementos abolicionistas veñen acumulando unha serie de argumentos de carácter científico que non fai máis que apuntalar a conveniencia dunha postura que xa tiña gañada a batalla no campo da ética. En efecto, segundo a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura), a industria animal, non contenta co seu particular xenocidio, é responsable da deforestación do 30% da superficie terrestre e da emisión do 18% dos gases de efecto invernadoiro que afogan a atmosfera. Mais todo este sensentido non sería posible sen a descomunal forza que outorgan as crenzas culturais sustentandas por unha educación que nos ensina a ver as nosas mascotas como belas criaturas, mentres somete a outras, con idénticos intereses vitais, á tortura e ao encerro, obviando que a liberdade e os dereitos non entenden de especies.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *