Definamos o antiespecismo por oposición ao especismo. O antiespecismo sería aquela ideoloxía contra a discriminación por razón de especie. A crenza de que a vida humana, e só ela, é “sacrosanta” constitúe unha forma de especismo, mais non a única. Na actualidade, a posición privilexiada que suscitan os animais de compañía tradicionais como os cadelos e os gatos con respecto a outros non humanos é vista tamén como unha forma de especismo. Esta posición é denominada polo abolicionista Gary Francione como unha sorte de “esquizofrenia moral” xa que consideramos algúns non humanos como membros da nosa especie mentres temos na nosa mesa a outrxs que non difiren deles.
“O antiespecismo é unha ideoloxía contra a discriminación dos animais por razón de especie”
As orixes do problema
A ideoloxía especista vén medrando dende a orixe da maioría das culturas, (xa se dá un enfoque cousificado dos animais nas escrituras maís antigas). Esta postura continuará na práctica totalidade do pensamento moderno que defende a propiedade, o usufruto e a explotación dos animais non humanos pola humanidade, en aras da súa imperfección e a súa carencia de pensamento racional. Este xeito de pensar atopou o seu reflexo na realidade social ate a aparición dos Movementos de Liberación Animal a principios da década de 1970.
Os dereitos animais.
A recente preocupación polo estatus ontolóxico dos non humanos agromou en certas melloras (algunhas, certo é, de carácter cuase-simbólico) que permitiron finiquitar certas prácticas crueis e denigrantes como a vivisección, a experimentación, o confinamento extremo nas gaiolas de engorde ou, mesmo a tauromaquia. Parte da culpa destas mellorías tívoa a Declaración Universal dos Dereitos Animais asinada en Londres no 1977, que partía da base de que todo animal, con respecto ao trato humano, posúe certos dereitos como o “dereito á existencia, e a un trato digno e respectuoso”. Mentres, a precisión deste punto divide fortemente ás defensoras dos dereitos animais entre benestaristas e abolicionistas:
– Benestaristas: Defenden o trato benévolo e “humanitario” a todo animal non humano que estea baixo dominio humano. Avogan pola fin da tortura e dos malos tratos. Non se posicionan contra o seu sacrificio sempre que este sexa beneficioso para o ser humano e aconteza baixo condicións de non crueldade.
“O abolicionismo avoga pola total extinción das relacións de explotación dos animais non humanos por parte da humanidade”
– Abolicionistas: Avogan pola total extinción da relacións explotadoras dos animais non humanos por parte da humanidade. En reflexo disto, propugnan, a diferenza da corrente benestarista, o veganismo como medio de alimentarse e vivir respectuosamente con aqueles seres sentintes, non interferindo nas relacións que os animais non humanos poidan ter no seu habitat. Polo tanto, calquera explotación gandeira ha de ser abolida. Mais existen tamén divisións de opinións no tocante aos animais domesticados que verían moi complicada a súa existencia en medios naturais, como as galiñas ou os cans, cuxa domesticación despoxounos das mais elementais técnicas de supervivencia.
Peter Singer “A ignorancia é a primeira liña de defensa do especismo”
Tipos de maltrato animal:
Os animais de compañía son as vítimas máis comúns da crueldade, sendo os cans e cadelas os que máis denuncias reciben. A forma máis común de causarlle dano aos animais no planeta é disparándolles, pero podemos clasificar as formas de maltrato animal en:
1. Abandono de animais domésticos. Cada día millóns de animais son abandonados en diferentes espazos e condicións, provocando un contexto onde se producen todo tipo de agresións e violencia.
2. Maltrato en nome da ciencia.Os animais vense como un obxecto onde experimentar de xeito realista e a baixo custo. Esta consideración implica todo tipo de probas traumáticas e dolorosas.
3. Maltrato con finalidade económica. Poderiamos incluír aquí dous grande grupos: As empresas de cosméticos e téxtil así como as industrias cárnicas. Tanto nunhas como outras consideran aos animais como unha materia prima de onde obter beneficio a través do seu sacrificio.
4. Maltrato con finalidade lúdica.A tauromaquia, as pelexas de galos ou cans, a caza do raposo, etc son diferentes xeitos de entender o lecer e a diversión a través do maltrato e a morte dos animais.
E ti que podes facer?
Infórmate e informa ás persoas da túa contorna sobre os diferentes tipos de percibir a realidade na relación entre persoas e animais. Denuncia as situacións de maltrato que coñezas. Participa en campañas, iniciativas e mobilizacións que busquen a mellora das condicións de vida dos animais. Colabora e insírete en grupos antiespecistas e de abolición do maltrato animal.