Editorial: xentrificación

portada22Na nosa cidade, “xentrificación” é, ao tempo, un termo case descoñecido e un proceso que arraiga firmemente no desputado chan vigués. Coma se di no campo do dereito, as leis sempre van despois dos feitos, polo que certamente, tal disonancia na velocidade de asentamento entre a verba e a realidade non nos debe estrañar. E logo, quen iría a pensar que palabras de significado positivo como “dinamización” “rehabilitación” ou mesmo “restruturación” e “humanización” non fan senón maquillar, nun último alarde de dominio do eufemismo, unha estratexia política e económica tan conservadora e inhumana?


Semellante acollida acrítica non debería nin por moito estrañarnos pois os diarios de información local, especialmente o Faro de Vigo e La Voz de Galicia, bastante teñen con dar conta dos sucesos seguindo o primeiro unha óptica en prol do Concello, e a contraria o segundo; e, cousa lóxica, así non hai forma de entender quen resultan ser as persoas perdedoras do litixio.
Se de ética xornalística souberan algo máis có nome, denunciaría a situación de desaloxo e desamparo dun bo número de persoas pertencentes á minoría excluída, denunciarían, verbigracia, o peche do local de Sereos e a abusiva (outro caso parello está a suceder nos nosos días, coa monstruosidade do Barco-rotonda de Coia) dotación de 350.000 euros para “mellorar”, ou as redadas anti-venda ambulante que o noso corpo policial tan afeito está a facer nestes días. Todo isto, que por lóxica manipulativa soe estar silenciado ou pasado a segunda ou terceira plana, son reflexos superficiais dun proceso moito máis fondo.
Necesítase unha política local baseada na conservación da identidade, da pluralidade dos espazos e na redistribución da riqueza. Caer no contrario, na elitización de espazos ou na substitución dunha identidade tradicional por unha identidade neutra baseada nunha idea de consumo, implica a exclusión social de parte da poboación e a apropiación do espazo público por parte das persoas con poder adquisitivo. Estanse a confundir dereitos e poder adquisitivo, asociándose o acceso aos espazos públicos coa capacidade económica de cadaquén. E isto, co paso do tempo só contribúe a unha maior fractura social.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *