Que é a Xentrificación?

Xentrificación é o nome que se lle dá aos procesos de transformación urbana polos que determinadas zonas estratéxicas dunha cidade aumentan artificialmente o seu valor, provocando o desprazamento da poboación economicamente vulnerable. Para este grupo a vivenda deixa de ser accesible na área revalorizada, sendo progresivamente empurrados cara á bisbarra ou zonas deprimidas. A “urbanalización” que lle segue, orientada ao consumo de espazos “desconflitivizados”, provoca a estandarización da paisaxe, a perda da identidade espacial, da memoria barrial, así coma a rachadura do tecido social.

“A xentrificación é a transformación artificial dun espazo urbano co obxeto de desprazar a poboación orixinaria e atraer a unha máis rica económicamente”

4078294934_2075aa0ed5_oDavid Madden
“O contrario da xentrificación non é decadencia urbana; senón a democratización do espazo urbano”

Foto: Darwin Bell

Como se orixina?
O proceso de xentrificación provócase a través dunha serie de ‘pasos’ que seguen un esquema continuo:
1º) Desatención dunha zona concreta.
A eliminación (parcial ou total) dos servizos públicos, así como a eliminación de inversión pública por parte da administración, fai que o emprazamento vaia converténdose progresivamente nun espazo onde habitan persoas cun baixo poder adquisitivo.
2º)  Asociación da zona como un espazo “marcado”. Asóciase a zona, no imaxinario colectivo, a un espazo de pobreza, violencia e marxinalidade.
3º)Devaluación do prezo da zona. Coa imaxe negativa da zona, as persoas que poden abandónana e os prezos van caendo pouco a pouco.
4º) Especulación na zona. Eses prezos tan baixos atraen a grandes inversores e a administración pública (que tamén se pode incorporar como “mercadora”) xera marcos que facilitan isto aínda máis (plans especiais, axudas públicas, ,…).
5º) Presentación da “única” solución. En xeral sóense presentar os procesos de xentrificación como Plans “salvadores” da situación da zona. Ponse o acento na grande inversión, nos postos de traballo que se van xerar, na recuperación da zona,… A zona empeza a chamar a atención de novo.
6º) Encarecemento progresivo da zona. Progresivamente aumenta o custo da vida (novos negocios e servizos, maior valor do solo,…) ao tempo que cada vez se vai instalando quen pode facer fronte a ese estilo de vida.
7º) Expulsión da poboación orixinaria. O aumento do custo da vida, provoca que as persoas de baixos recursos deban deixar o seu lugar de residencia a través dun acordo coa administración ou da forza.
8º)  Despersonalización e comercialización da zona. O espazo ponse de moda e pérdese a identidade do lugar. Desaparecen as dinámicas e espazos de sempre. Xérase unha nova identidade “neutra” baseada no turismo, a vivenda e o comercio.

gentriFoto: Bringo

Cales son os problemas derivados da xentrificación?
A xentrificación asóciase fundamentalmente a un máis que probable interese das clases medias por vivir nos centros da cidade. O factor de atracción pode ser a arela de viviren preto dos seus postos de traballo, ocupar un espazo “de moda” e “actual” onde poidan ter un estilo de vida urbanita e tomar unha posición segura no mercado do solo.
A xentrificación soe implicar:
– Elitización dos espazos.
– Perda de identidade.
– Perda do Patrimonio (material e inmaterial).
– Comprensión do espazo xentrificado como un produto de consumo.
– Perversión da idea de convivencia (eliminar a “quen sobra”).

“A xentrificación é un conxunto de procesos que conlevan unha cidade con espazos segregados por clases sociais”

Xentrificacion e clase social
A vivenda e o barrio xogan un papel fundamental na constitución da clase social, realidade amplamente estudada pola ecoloxía social. As cidades son un produto histórico da organización social, onde as clases sociais e os actores históricos determinan a morfoloxía urbana. A xentrificación, é un fenómeno que implica necesariamente o concepto de clase social.
Trátase dun conflito no plano do urbanismo e da ocupación do espazo público dunha clase fronte a outra e implica directamente a existencia dunha segregación en función dos grupos sociais dentro da cidade. Ao tempo supón unha agresión contra as clases menos favorecidas, por parte das persoas máis enriquecidas.
E ti que podes facer?
Infórmate e informa á xente do teu redor sobre os procesos que se están a vivir na túa contorna (como pode ser o caso do Barrio do Cura en Vigo). Participa en mobilizacións e iniciativas que protexan os espazos e as persoas que neles habitan. Colabora con colectivos que denuncien e se enfronten aos procesos xentrificación. Actívate e defende os espazos, o patrimonio e, sobre todo, as persoas que se vexan afectadas por estes procesos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *