Editorial nº 21: A corrupción

portadadece

Un sistema defínese como unha estrutura conformada por diferentes compoñentes que se relacionan solidariamente entre si conforme a unhas normas acordadas entre os seus elementos. A clave do correcto artellamento dun sistema político reside en que cada unha das partes entenda como xustas esas normas e, en consecuencia, as respecte. Un funcionamento erróneo das pezas provoca problemas na estrutura que, incluso, pode chegar a bloquearse ou rachar.

Hoxe en día dous terzos da poboación global considera que vive nun sistema corrupto. Un sistema onde a clase dirixente non respecta as normas establecidas e usa as institucións de maneira tendenciosa para así poder tirar beneficio persoal.

Nóos, Gürtel, Pokemon, Malaya, Palau, Palma Arena, ITV, ERE Fraudulentos, Campeón… son só algúns dos casos que dende que se iniciou a crise de 2008 teñen aparecido no estado español. Situación que contrasta frontalmente co agravamento progresivo das condicións de vida da poboación xeral dende esa data que hoxe suma xa un 26% da poboación total do estado que vive por baixo do albor de pobreza.

A corrupción é unha das principais razóns polas que a desafección das persoas respecto das institucións e da clase de poder vai en aumento. Consecuencia disto, dende o inicio da crise, estase a vivir unha vaga de procesos que aparecen acompañados de novos xeitos de entender a organización popular. As novas estruturas tanto de carácter institucional como non, son cada vez máis diversas e complexas. A percepción social, especialmente nalgunhas partes do planeta (como é o caso do sur de Europa) é que os sistemas derivados do capitalismo actual están completamente obsoletos porque non só non responden ás necesidades da cidadanía senón que agravan a súa situación.

E fronte a esta situación a demanda de transparencia é unha das proclamas continuas que se esixen para artellar os novos sistemas. A cidadanía esixe ter un rol activo e de control sobre as institucións e as persoas responsables das mesmas. A nova formula para artellar a sociedade parece que hoxe xa non pasa por unha confianza mal entendida onde se deriva toda a responsabilidade a un/ha representante, senón que se busca un sistema no que cada persoa sexa responsable das súas decisións.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *