Berra , Berra Mariñeiro.

balea

Esta é a historia de catro vellos mariñeiros aos que lles roubaron o sustento deixándoos sen traballar.

As súas vida ata daquela discorrían ao ritmo das mareas, seguindo o camiño das correntes, empuxados polo constante vaivén das ondas con sabor a sal.
O seu pan de cada dia proviña da arte da pesca e a lombos dunha vella xeiteira a mar foi tan coñecida por eles como a propia palma da man.

Ao carón das mulleres tecían redes, remolcaban o rastro, arrastraban bous e levantaban xeitos, pero sempre preocupándose en que aos seus netos lles quedaran xoubas para a comida de mañá.

Ata que un día chegou un home de terra, falando con palabras extrañas, entendibles só para él e os da súa calaña. E por medio dun papel, ao que lle deu o nome de decreto, rouboulles a sua tradición co falso conto da protección, prohibíndolles por sempre xamais saír a faenar.

Os vellos non podían crer que alguén disfrazado de garabata lles falase da mar, metendo nun mesmo saco a súa pequena xeiteira, que pouco dano facía, cun barco xigante dedicado a esquilmar.

Os vellos fondearon en terra e a xeiteira non volveu saír navegar. Agora so apañaba algas e ferruxe, mentres que os pratos na mesa non servían máis que para adornar.
A lonxa rematou pechando as súas portas e as pobres das xoubas, desafiuzadas, convertéronse en alimento de estraños en costas onde nin se lles coñece como tal.

Agora no pobo xa non se escoita a canción da Rianxeira, senón pancartas que berran: “Levamos un mes amarrados / ai Rianxo, Rianxo, Páxaro Pinto / a ganancia do xeito
xa se vai indo / xa se vai indo, Rianxo, xa se marchou/ o goberno central nos amarrou”.

Mentres os homes de garabata se enredan en falar sen dicir nada, impoñendo costumes que so benefician os seus petos, é o momento de que a xente da mar se faga escoitar, e de que nós, a xente de terra, acompañemos a súa voz con hábitos para encher o bandullo de traballos honrados, accións sustentables e soldos dignos.

Subcamandante Chipirona e a Camarada Laminaria, Integrantes do FBFLM (Frente Bravo de Fanecas pola Liberdade da Mar).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *