Os SPG: Sistemas Participativos de Garantía

tomates

Fronte aos selos “oficiais” de certificación ecolóxica dos alimentos) xorden os Sistemas Participativos de Garantía, xa en marcha dende hai anos nalgúns países como Brasil, Perú, Uruguai, Nova Zelandia, Chile, Bolivia… Na península en Andalucía e Murcia.

“Fronte aos selos ‘oficiais‘ de certificación ecolóxica dos alimentos xorden estas comunidades de produtoras e consumidoras para crear o seu propio selo”

Os SPGs funcionan a nivel local. Unha comunidade de persoas produtoras, algunhas veces tamén conxuntamente coas consumidoras, xúntase co  obxectivo de crear o seu propio selo. As condicións  de produción que garanten os produtos son establecidas entre todas as partes. Tamén é esa comunidade a encargada de supervisar o cumprimento das mesmas, e pode ter unha importante labor formativa, axudando e informando ás persoas que desexen ser incluídas así como compartindo entre todas coñecementos, sementes e incluso pequena maquinaria ou ferramenta se é o caso. As condicións que garanten o “selo” poderían ser por exemplo: descartar o uso de agroquímicos, o monocultivo, limitar os desprazamentos no transporte, favorecer o uso de sementes locais, evitar maquinaria industrial, empoderar as pequenas producións fronte ás grandes empresas onde o selo ecolóxico nos envases é so un elemento máis de venta, parte do negocio e da publicidade, e non dunha concepción respectuosa co medio e as persoas. Estes sistemas teñen unha importante pegada no social, xa que precisan unha organización libre, participativa e implicada das persoas que os integran.
Na actualidade para que un produto sexa considerado “ecolóxico” ha de cumplir un regulamento alleo (CE 834/2007), por iso se chama certificación “por terceira parte”, so outorgado por organismos “legalmente autorizados”, con custe económico e gran esforzo por parte dxs pequenxs produtorxs que non poden competir coas grandes empresas que ”fabrican en ecolóxico” a gran escala.

Neste intre estase a crear un SPG en Galicia, abranguería a zona sur da provincia
de Pontevedra, aínda que nun futuro podería medrar, ou, o que sería mellor, servir de impluso para que outras comunidades locais, tomen a iniciativa de crear selos propios. O grupo de traballo para o SPG en Galicia comezou hai pouco tempo o seu proxecto, que xa conta con ferramentas dixitais que axudan ao avance creadas dende Galiza Imaxinaria.

Se tes interese en participar no proceso como produtora ou consumidora podes escribir ao seguinte enderezo:

spg@roldas.saramaganta.info

Ánxeles Bouzó Fernández

Foto: Son de Bueu

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *