Que é a corrupción?

Praxis a través da cal solápase, promóvese ou realízase un mal uso do poder público para acadar unha vantaxe ou beneficio ilexítimos, frecuentemente de xeito segredo e privado (clientelismo, portas xiratorias, cooptación, subornos, fraude, lavado de cartos,…).

“O mal uso do poder público é un mal endémico global. Dous
terzos da poboación do planeta considera que vive nun sistema
corrupto.”

Como se orixina?

No mundo actual a corrupción é un dos males endémicos que se percibe en case todas as sociedades. Dous terzos da poboación global considera que vive nun sistema corrupto. 1

A corrupción sacude todo tipo de institucións, dende os organismos internacionais como o FMI (caso Tapie) ata os concellos, deputacións e ministerios (Gurtel, Pokemon,…). Os gobernos perden ata 100.000 millóns de dólares por este tipo de prácticas2 e no mundo móvense ata 2 billóns de dólares en subornos3. Pero cales son as causas?

  • Inoperancia práctica das institucións públicas (exceso de burocratización, non control nin seguimento,…).
  • Non delimitación entre o público e o privado.
  • Non exitencia dun axeitado ordenamento xurídico.
  • Alta tolerancia social cara a gozar de privilexios privados. Isto fai que se desenvolva unha cultura na que o lucro prevalece sobre o civismo e a ética.
  • Existencia de dinámicas que sosteñen e afortalan unha cultura da ilegalidade.
  • Enfrontamento entre formas de organización e sistemas tradicionais cunha orde estatal moderna. As contradicións derivadas soen solventarse en moitos dos casos a través da corrupción.
  • Situacións concretas que se dan en fendas entre o ordenamento xurídico e a orde social vixente.

ingenieros01José Ingenieros
“Ninguén pensa, onde todxs lucran; ninguén soña, onde todxs tragan”

Cales son as consecuencias?

A corrupción afecta á sociedade na que se instala, xeralmente, de xeito transversal. Ningún eido nin grupo social está libre de poder padecer procesos corruptos. Se ben é certo que o desenvolvemento da mesma nun eido determinado non implica necesariamente que suceda o mesmo noutro. As principais consecuencias da corrupción son:

  • Consolidación de elites e burocracias políticas e económicas.
  • Desgaste da credibilidade e lexitimidade dos gobernos e/ou do sistema en xeral.
  • Reprodución dunha concepción patrimonialista do poder. É dicir, os bens, recursos e servizos acábanse entendendo como unha propiedade do goberno e, por extensión, dos gobernantes e os seus partidos.
  • Redución dos ingresos fiscais e impedimento para que o público axuden ao desenvolvemento e o benestar social.
  • Aprobación e modificación de leis e políticas, así como incumprimento de programas sen substento ou lexitimidade popular.
  • Impulso dunha cultura da corrupción que, ao tempo contribúe, á súa multiplicación.
  • Impulso de dinámica non cooperativas entre as diferentes persoas que conforman a sociedade.
  • Esnaquizamento do medioambiente e dos dereitos sociais a través da non aplicación das leis que protexen estes eidos.

Como se relacionan corrupción e globalización?

A globalización ten activado un mecanismo que serve de saída aos países enriquecidos para seguir medrando a través do neocolonialismo. O neoliberalismo aplica un dobre raseiro ético: hai unha ética interior e outra exterior. Dentro das fronteiras as normas obrigan ao xogo limpo e fóra das mesmas, foméntase a desregulación e a ‘trampa’.

Ademais disto os grupos de lobby fan presión para derrogar as normas existentes e xerar marcos legais difusos para que este tipo de procesos sexan “normalizados” á hora do comportamento lexislativo dun país ou, canda menos, que non se controlen. O capitalismo actual busca “legalizar” moitas das prácticas corruptas (portas xiaratorias, clientelismo,…) a través de modificacións normativas concretas ou de acordos totais como poden ser o TTIP ou o TPP.

ana botella crewFoto: Ana Botella Crew

E ti que podes facer?

Evita todo tipo de tratos clientelares e de favor no teu día a día. Só consigues indirectamente seguir fomentando esa cultura que logo se reproduce cando se ten un cargo de responsabilidade. Infórmate e informa ás persoas da túa contorna. Actúa e denuncia as actitudes e os actos que coñezas. Participa en accións, iniciativas e campañas que confronten a corrupción e pula por sistemas nos que a transparencia sexa un dos alicerces centrais.

Fontes:

  1. http://www.transparencia.org.es/IPC%C2%B4s/IPC_2013/Nota_de_Prensa_IPC_2013.pdf
  2. http://eleconomista.com.mx/economiaglobal/2014/11/17/g20-acuerdaplanevitaroffshorefiscal
  3. http://www.delitosfinancieros.org/atacarlacorrupcionponiendofinalsecretoentornoalapropiedaddelascompanias/

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *