Editorial (Setembro).

portada18

Hoxe vivimos nun mundo no que a doutrina capitalista impón as súas normas e valores. As relacións que se establecen entre as sociedades e as persoas xéranse nun marco onde todo pode ser mercado e vendido.Un marco onde se entende que os coñecementos populares, os recursos naturais, as tradicións ou os dereitos dos pobos e as persoas, son unha mercancía máis á que se lle pode poñer un prezo. Enténdese, dende esa ollada retorcida, na que todo o existente pode ser privatizado e posuído e, polo tanto, pode ser obxecto de negocio por parte de quen lle pertenza.

Atopámonos pois cun marco onde a soberanía atópase desprazada do lexítimo cara ao ilexítimo.  Un marco que se estrutura a través de relacións nas que o colonialismo, a apropiación ilegal e a implantación de medidas en contra da vontade dos pobos e as persoas están á orde do día, para que unhas poucas empresas, países e persoas poidan vivir “por riba das súas posibilidades” a costa do resto. Hoxe empresas como Monsanto impoñen as súas sementes transxénicas mentres se prohiben os cultivos tradicionais transmitidos de xeración en xeración, estados como o de Israel seguen masacrando pobos (como Palestina) despois de máis de 60 anos para intentar impoñer a súa vontade, multinacionais como Chiquita Brands International (USA) en Colombia contratan paramilitares para apropiarse das terras indíxenas a través da intimidación e o asasinato,… Hoxe unhas poucas empresas e persoas poden apropiarse do que non é seu de calquera xeito, a través dun marco legal inexistente no que as autoridades miran para outro lado coas mans cheas de culpa e sangue!

contra

E fronte a esta situación medran acotío milleiros de iniciativas que buscan xerar alternativas e resposta social, que ao tempo abren o camiño cara a unha sociedade máis xusta. Desta concepción é de onde parte a idea da soberanía actual. Unha soberanía que se constrúe a través da colaboración, o crecemento sostible, a redistribución da riqueza e o beneficio social e ecolóxico. Unha soberanía que ten como alicerces base a dignificación e a liberdade das persoas e os pobos. En definitiva, unha ferramenta coa que construír outro mundo é posible e necesaria.

Redacción.

Fotografías Adataberna.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *