Celso López, presidente da asemblea republicana de Vigo.

Asemblea republicana

Cando e porque naceu a Asemblea Republicana de Vigo?

A Asemblea Republicana de Vigo (ARV), naceu co nome de Amigos da República a finais doas anos oitenta. Os seus primeiros anos de vida  foron os dunha organización que levaba a cabo actividades e actos de carácter cultural e que todos os 14 de abril realizaba un xantar republicano, solidario e fraterno con motivo do aniversario da II República. Pasado o tempo e as conxunturas sociais e políticas, refundámonos a comezos do 2000, antepoñendo ao nome inicial o de ARV, e elaboramos uns novos estatutos.

“Na ARV unímonos para proclamar o noso republicanismo. Unha referencia dende a que combater as formas de opresión e dominación que hoxe existen”

A nosa asociación  é de carácter non partidario e esta integrada por homes e mulleres de distinta ideoloxía pero que asumen e comparten os valores e a conciencia histórica da esquerda e da República como forma de estado máis democrática.Ten como obxectivos a consolidación e o fortalecemento dunha corrente de opinión que proclame a defensa desa forma de estado e traballe a prol da articulación dun movemento unitario que, máis ala das distintas ideoloxías presentes no seu seo, teña como denominador común o rexeitamento da monarquía e a proclamación da  República. Na ARV unímonos para proclamar, en público e en privado, o noso republicanismo, non só como exercicio de nostálxica lembranza, senón tamén como referencia desde a que combater as formas de opresión e dominación que hoxe padecemos.

República española, república galega; para vos hai algunha diferencia ideolóxica entre ambas opcións?

Nós non estramos nesa dialéctica como asociación xa que, como dixen antes, no noso interior existen moitas sensibilidades. Para ARV tratase de acadar unha forma de estado democrática  que rache coa herdanza do franquismo e, xa que logo , coa forma monárquica. Onde a cidadanía decida e os cargos públicos, todos sen excepcións, saian do voto popular. Que sexa nun marco galego ou estatal é algo que dirá o o futuro. Canto as diferencias ideolóxicas, eu falaría máis de tácticas e estratexias, márcanse polo espazo de actuación (Galiza ou o estado español). O final do proceso antimonárquico variaría segundo sexan os fins e os obxectivos.

Ademais do fin da monarquía, que máis pode significar a república?

Ben, algo xa quedou sinalado anteriormente. Hoxe, en tempos de desaparición do “estado protector” historicamente nado nos tempos da Revolución Francesa, volver a aqueles valores semella algo  esencial. República significa “liberdade” concepto que traduce liberdade de conciencia, laicismo e separación total de Igrexa e estado.

República significa tamén “igualdade”, que asemade traduce democrática en toda a súa dimensión, e desaparición de privilexios. Por exemplo sometemento do exercito ao poder civil e desaparición do protagonismo do estamento militar na constitución e na vida pública. Xa esta ben de que o actual xefe do estado se disfrace de militar de vez en cando.

“Fraternidade significa coeducación, dereitos da infancia, respeto ao Dereito Internacional, liberación dos pobos asoballados, igualdade de xénero,…”

E República traduce tamén “fraternidade” o outro concepto do trinomio francés que traduce social. Coeducación, separación real de Igrexa e Estado, dereitos da infancia, respecto ao Dereito Internacional, liberdade para os pobos asoballados e dereitos das nacións a decidir, igualdade de xénero, loita contra o belicismo, o imperialismo e o unilateralismo e defensa das canles diplomáticas para a resolución dos conflictos…. Velai algúns dos elementos que poden citarse  nas dinámicas que están a prol dunha forma de estado republicana.

17-6_2Foto: Iker Ikerman.

Que visión da UE ten a ARV?

Convén partir dunha premisa. Tanto o nacemento da ONU nos anos cuarenta como o da UE nos cincuenta, deben inserirse no contexto da guerra fría e da loita contra o socialismo real. Eu, sobre o que me preguntas, non podo falar no nome da ARV, xa que este tema non é un asunto central do noso traballo:nós non somos un partido político que deba posicionarse cunha alternativa determinada en relación a esto. Pero si podo dicer que, na miña opinión, a UE  é unha institución supraestatal construída dende arriba e ás costas da cidadanía. É un instrumentos das clases  dominantes, tanto políticas como económicas dos países centrais, sobre todo Alemania, que ten un enorme déficit democratico. Xa que logo, ou ben se refunda dende outras bases, ou ben desaparece arrastrada por dinámicas históricas transformadoras.

Partamos do primeiro suposto. Do mesmo xeito que da ONU debe desaparecer o dereito de veto e facer posible que todos os estados membros participen en pe de igualdade nas decisión da Asembleas Xeral e do Consello de Seguridade, do mesmo xeito hai que botar ao lixo a actual configuración e fins do Consello e a Comisión da  UE,  deben desaparecer
as practicas corruptas e   a situación de privilexio dos deputados e, dende logo, debe cesar axiña a usurpación da soberanía dos estados membros por parte dos distintos órganos que forman a estructura de poder da UE.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *