3.500 millóns. Na actualidade, esa é a cifra que define o número de persoas que se atopan no planeta en situación de empobrecemento.
Hoxe vivimos nun mundo onde as diferencias sociais entre as persoas son cada vez maiores; exemplo claro disto é que as 85 persoas máis ricas do mundo posúen tanto patrimonio como eses 3.500 millóns. E cada día, por desgraza, esa situación aumenta.
O acugulamento de recursos, bens e servizos nunhas poucas mans; a privatización do común; o tratamento dos recursos públicos como unha despensa de onde se nutra o sector financeiro e multinacional; a consolidación de tratatados transnacionais (como o TTIP, o TISA ou o TPP) que blindan as actuación das grandes empresas mentres esnaquizan os dereitos das persoas e a natureza; a actuación da clase política como
representantes e membros das grandes empresas para facilitar os seus beneficios; ou o emprego das forzas de represión do estado como se fora a seguridade privada de todo ese entramado; son só algunhas das causas de que no planeta haxa 842 millóns de persoas sen suficiente alimento para cubrir as súas necesidades básicas, de que máis de 1.000 millóns de persoas non teñan acceso a auga potable ou que 2.400 millóns de persoas non sexan quen de acceder a unha sanidade satisfactoria.
O capitalismo actúa como unha apisoadora que achaia o camiño das grandes corporacións pasando por riba de todo aquilo que atopa ao seu paso. O neoliberalismo e a globalización son un novo xeito de colonialismo onde os pobos, as persoas e o medioambiente son tratadas como mercadoría para colmar un imposible (e insaciable!) necesidade de crecemento continuo. Xérase así un escenario global onde os recursos, bens e servizos dos pobos e as persoas son usurpados pola forza, directa (paramilitares, guerra, forzas de represión,…) ou indirectamente (acordos transnacionais contra a vontade da poboación, cambio do marco legal,…) por grandes entramados corporativos.
Hoxe pois abandonamos a distinción entre “pobres” e “ricos” (que responsabiliza á persoas sen recursos da súa pobreza, como se dependera da vagancia ou de problemas intrínsecos) e falamos de “empobrecidos” e “enriquecidos”, pois a situación de pobreza é provocada por actores externos que adquiren eses recursos, bens e servizos a través do uso da forza.
Redacción.