Ao seu parecer que gañou e perdeu o movemento pola autodeterminación de Galiza dende os anos do franquismo ata hoxe en día?
Desde logo, pobo galego, isto é: a clase obreira galega, aínda non gañou. A oligarquía e o poder foron, porén, perdendo territorios intelectuais, sociais e territorios morais. A situación en que estamos agora é un contexto de combate, longo, proxectado de cara ao futuro.
Dá a impresión de que Galiza atópase á cola nos procesos de autodeterminación dentro do estado español, por que?
Ás veces é só unha aparencia. Poñamos un exemplo: en Cataluña non existe ningunha central sindical obreira de carácter nacionalista; en Galicia existen dúas, o mesmo ca no País Vasco. A teorización da dependencia, en Galicia ten un nivel de discurso marxista sumamente elevado, que pode verse na produción de X. M. Beiras ou na revista de pensamento A Trabe de Ouro.
“A solidariedade entre os pobos oprimidos no muno enteiro é necesaria para a evolución do planeta de cara a consecución do socialismo global”
No actual contexto do estado español, pensa que esta a haber unha suficiente conexión entre os nacionalismos “periféricos”?
Dicía Mao Tsetung que todo pobo que loita pola súa independencia e que está a facer a revolución encóntrase necesaria e radicalmente só. Así foi sempre e así será: os pobos só poden confiar nas súas propias forzas. O cal non quere dicir que non sexa absolutamente necesario establecer relacións, apoios recíprocos, intercambios de experiencias. Malia o inimigo principal ser o mesmo, o Estado imperialista español, as condicións sociais e os procesos revolucionarios de liberación nacional son diferentes nas tres nacións, tanto na súa concepción de clase, como nas respectivas tradicións
culturais. E aínda, hai que ter presente que a solidariedade entre os pobos oprimidos no mundo enteiro é necesaria para a evolución do planeta de cara á consecución do socialismo global.
Como cre que afecta o resultado de Escocia, ao resto dos pobos sen estado de Europa?
Coido que moi positivamente. Demostrou algo: tamén os pobos oprimidos de Occidente poden optar á independencia. Ate agora pensábase que só os pobos de Oriente, pertencentes a federacións comunistas como a URSS ou Iugoslavia, podían aspirar a constituír Estados propios. De maneira que o proceso de Escocia servirá de estímulo para os movementos independentistas de Galicia, Euskadi, Occitania, Córcega, Bretaña, etc. Cataluña está a ser outro exemplo de que isto é posible.
Precisa Galiza estar nesta Unión Europea?
Galiza precisa saír da Unión Europea para poder desenvolver as súas forzas económicas tanto no sector primario, como a pesca, agricultura e gandería; como no sector industrial. Necesita con urxencia saír da Unión Europea e constituírse en país independente e beneficiarse das vantaxes que proporciona o novo mundo multilateral e posglobalizado.
“Galiza necesita con urxencia sair da Unión Europea e constituirse en pais independente e beneficiarse das vantaxes que proporciona o novo mundo multilateral e posglobalizado”
Que pensa da soberania alimentaria e en que punto se encontra o campo galego dende o seu punto de vista?
Non desde o meu punto de vista, senón desde a realidade obxectiva: a agricultura e a gandería galegas están practicamente liquidadas. Non pode haber soberanía alimentaria sen unha produción agraria propia e unha agro-industria subseguinte.
*Nado en Ourense en 1938 e afincado en Vigo dende a xuventude, X. L. Méndez Ferrín é escritor e filólogo, director da revista de pensamento crítico “A Trabe de Ouro“ e columnista do “Faro de Vigo“. Ata fai poucos anos foi profesor de secundaria do IES Santa Irene, Académico e Presidente da R. Academia Galega. Sempre militante na causa da Galiza traballadora, a súa oposición á dictadura franquista levouno varias veces a ser expedientado e preso. Participou no grupo “Brais-Pinto“ (1958), Unión do Povo Galego (1964), Partido Galego do Proletariado (1978), Galicia Ceibe (1979) , Frente Popular Galega (1992) e as Redes Escarlata (2001) .Moitas veces premiado na Galiza e fora dela polo seu traballo como poeta, ensaista e autor de narrativa, en 1999 foi proposto pola Asociación Galega de Escritores en Lingua Galega ao Premio Nobel de literatura.