Menstrúate.

ghatas

Segundo a RAG, a menstruación é a función orgánica da muller pola que, cada mes, expulsa unha pequena cantidade de sangue pola vaxina, procedente do útero. Pero é algo máis ca iso: é parte dun proceso hormonal cíclico consubstancial á muller que propicia o seu coñecemento persoal, por tanto, unha maior consciencia do seu ser interno.

“Crese que os tabús sobre a menstruación xa foron superados, pero o certo é que á pervivencia dos antigos sumáronselle os modernos como a ocultación e a medicalización”

A día de hoxe aínda se cre que están superados moitos dos tabús con relación á menstruación. Mais, pola contra, ós antigos mitos, engádenselle outros procedentes do mundo moderno coma a ocultación, a patoloxización e a medicalización deste proceso.

Economicamente, o consumo de produtos “hixiénicos” para a regra supón un gasto total de 2.400 euros ó longo da vida da muller. A isto hai que lle engadir a repercusión social que ten. Lonxe de se aceptar a menstruación como un proceso habitual e natural, enténdese como un problema ante os intereses de mercado, que o sistema capitalista resolve xerando mecanismos sofisticados de invisibilización co obxecto de equiparar a vida da muller a un modelo de sociedade pensado baixo parámetros masculinos. Facendo desaparecer a menstruación, outórgaselle o dereito á muller a ingresar en igualdade de condicións nun mundo laboral ate entón reservado para o home.

ghatas_2

A sociedade de consumo ofrécelle á muller todo tipo de produtos para poder paliar os supostos danos e prexuízos da menstruación, dende as compresas e os tampóns máis novidosos e case invisibles ata as pílulas máis máxicas que eliminan todo síntoma. Todo isto, como non, pagando por el. E o que é máis grave, cunhas consecuencias para a súa saúde que evitan contar e que poden chegar a ser irreversibles.

Unha vez máis, vemos unha infantilización da muller: non se ten en conta á hora de decidir sobre o seu corpo. Existe unha tentativa por parte do mercado de invisibilizar produtos alternativos ás compresas e tampóns, polo que a muller vese obrigada a buscalos en redes de distribución non convencionais, ademais de loitar contra os prexuízos e estereotipos para construír unha nova maneira de vivir a súa menstruación.

“Hai unha serie de prexuizos sobre a menstruante (está sucia, enferma, sensible,…) que repercute na súa sexualidade: rexeitase o sexo cando en realidade nese periodo aumenta o apetito e a práctica mitiga as molestias deses días”

Toda unha serie de prexuízos e estereotipos (estar enfermas, sucias, especialmente sensibles, etc.) que repercuten, sen dúbida, na sexualidade. E por que? A menstruación e a sexualidade están estreitamente unidas. Durante a menstruación crece o apetito sexual. A práctica mitiga as posibles molestias deses días, ademais de que pode ser un lubricante ideal. Son os medos e barreiras quen non deixan á muller gozar neste período de, quizais, maior excitación, ben soa ou ben en compañía.

ghatas _3

Ter a regra non quere dicir que se estea padecendo ningunha enfermidade: é un proceso natural, cíclico e de renovación. Moitas das melloras que ofrece o mundo moderno son pasos cara atrás en termos de saúde feminina. As mulleres queremos vivir a nosa menstruación libremente, sen sentir vergoña, sen produtos que a oculten. Desexamos sentir o noso sangue!!! Precisamos educación real, sen prexuízos sobre os nosos ciclos, e que cada muller teña o dereito de experimentar e decidir a mellor maneira de coñecerse a si mesma, o seu ciclo e a maneira de vivilo.

Autoría Ghatas Salvaxes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *