Varios colectivos denuncian a inadecuación da estratexia da Xunta para acabar coa chamada pobreza enérxetica. O ‘Ticket Eléctrico’ é un esmola chea de atrancos que non van a orixe do problema: a especulación coas necesidades da xente.
Foto: Hernán Piñera
A Xunta de Galicia a través da propaganda e/ou a simulación pretende substituír os dereitos por esmolas. Lonxe de mudaren a desigualdade e a inxustiza crecentes, o goberno autonómico perpetúa coas súas políticas unhas estruturas que enchen os petos duns poucos a costa de facer negocios coas necesidades básicas de todas.
Un exemplo desta políticas é a convocatoria do ‘Tícket Eléctrico’: unha axuda para o pagamento de parte da factura eléctrica a familias con fillos menores a cargo con ingresos que non superen 798 €/mes ou 9.585 €/ano referidos a 2013.
A presión social unido ao desastre da anterior convocatoria trouxeron pequenas mudanzas, que nada disimulan o despropósito desta insuficiente axuda. A contía sube agora aos 90€ ao semestre para familias con menores, 150€ no caso daquelas que posúan o título de familia numerosa. Igual que a finais do pasado ano o tícket hai que presentalo telematicamente logo de achegar unha morea de documentos e acreditar unha vida na miseria absoluta ou ás portas dela.
Neste enlace deixamos un resumo desta convocatoria, onde aparece a documentación necesaria para facer a solicitude.
O pasado martes 28 de abril varias ducias de persoas, convocadas pola ODS-Coia, G.A.S. e a parroquia do Cristo da Vitoria, concentrámonos diante da delegación da Xunta de Galicia en Vigo para denunciar que non aceptamos “Ningún negocio coas nosas necesidades”. A través dun acto de entrega colectiva do ticket eléctrico deixamos de manifesto que esta medida nin remata coa pobreza enerxética, a cal sufrimos cada días máis fogares, nin serve para garantir o dereito ao subministro eléctrico, independentemente de ter ou non ingresos.
As respostas da Xunta a necesidades tan básicas como a electricidade é, ademais desta esmola asistencial en forma de ticket, son as seguintes:
– Unha chea de policía (secreta incluída) e gardas de seguridade, que coma en anteriores ocasións, estaban pendentes dos movementos dun grupo de persoas que acudían a denunciar a “mala vida” que nos ofrecen os poderes a través da presentación desta axuda.
– Un informe asinado polo xerente do INEGA (Instituto Enerxético de Galicia) en resposta á queixa feita na presentación colectiva do ticket eléctrico realizada o 24 de novembro de 2014. Chama a atención que a resposta chegou días antes de facer pública a convocatoria do acto na Xunta. Pero máis que a data da resposta o chocante é o contido da mesma. Por partes a comentamos:
– Solicitudes só por vía telemática: o INEGA xustifica a obrigatoriedade e exclusividade da presentación telemática das solicitude, no“alto número de solicitantes potenciais”. Compartimos ese argumento, pero unha cousa é que unha ampla maioría de persoas suframos para pagar as facturas da luz e outra diferente é que sexamos quen de cumprir os restritivos requisitos que establece a Xunta. E sempre e cando teñamos a capacidade de cursar unha solicitude que semella pensada para que non a presentemos.
– Negativa do Concello de Vigo a colaborar coa documentación: o Concello négase a emitir o ‘informe social’ da solicitante requirido na convocatoria. Un informe social absolutamente innecesario, xa que debería ser unicamente o nivel de renda o criterio para conceder ou denegar a axuda, non precisando dun informe dunha traballadora social para acreditar tal extremo.
– Impedimentos para tramitar a solicitude na Xunta: o xerente parece presumir de que o 24 de novembro mandaron de Compostela dúas funcionarias para axudar cos trámites ás persoas que nos concentramos para solicitar a axuda. Dende a apertura do prazo até a finalización do mesmo, na delegación de industria en Vigo o que había era descoñecemento e desinformación e falta de equipos e material para cursar as axudas: a plataforma tiña un funcionamento precario e non existían ordenadores a disposición do público.
– A miseria da contía da axuda: véndesenos que nesta convocatoria a contía da axuda aumentou até os 90 €, ou 150 de sermos familia numerosa. En tempos en que unha gran parte da poboación sofre a cotío a chamada pobreza enerxética, en que moitas de nós sufrimos cortes de luz por non poder pagar as elevadas facturas, a escaseza do importe das axudas parécennos un insulto.
– Excesiva burocratización das convocatorias: ademais de termos que salvar a presentación telemática, a falla de persoal e equipos para a tramitación, volvemos a sufrir os atrancos administrativos, a esixencia de documentación, unha dobre convocatoria para unha única axuda, que nos obriga a superar a mesma “carreira de obstáculos” para conseguir uns poucos euros.
Esiximos que a Xunta, como o resto das administracións, tome en serio o benestar das persoas, e que, dunha vez por todas, mude a concepción asistencialista e miserenta á que nos ten acostumadas, por medio de políticas que vaian a orixe do problema, que ataquen e rachen con este sistema no que mentres moitas pasamos frío, uns poucos enchen os petos especulando coas nosas necesidades básicas.
Coia, maio 2015.
Autoría: ODS-Coia, G.A.S. e a parroquia do Cristo da Vitoria
http://odscoia.arkipelagos.net/xunta-convoca-de-novo-un-ticket-el%C3%A9ctrico-insuficiente