En Abril de 2013 saía do prelo A Boia, revista de Contracultura dende a Ría, coa pretensión de, tal e como se dicía nas súas primeiras liñas, “converterse nun altofalante das voces e olladas que flotan na Ría de Vigo e a súa contorna, e que nos protexen desa enorme marea negra que o contamina todo: o capitalismo.” A Boia nacía como unha iniciativa de carácter crítico e independente dun proxecto máis amplo que é ECOAR))) que, daquela, situábase como un espazo de confluencia de colectivos e activistas nese mesmo marco xeográfico da Ría de Vigo.
A Boia é unha resposta á carestía de pluralidade e independencia dos medios de comunicación, locais e globais, que padecemos. Así pois, esta revista continuará, como dende a súa orixe, abrindo as canles precisas “para que cada persoa e colectivo achegue ao resto as súas ideas e propostas”, ao tempo que pretende xerar un espazo común de expresión e debate entre diferentes sensibilidades e puntos de vista sobre diversas temáticas.
Mes a mes, A Boia foi gañando novos espazos, colectivos e persoas, para conformar os seus primeiros 24 números. Durante esta primeira etapa da revista colaboraron máis de 80 autoras e autores individuais e 40 colectivos. A tirada mensual da revista oscilou entre os 150 e 220 exemplares, que se distribuiron en 30 locais de Vigo, Cangas, Moaña, Nigrán, Baiona, Gondomar e Pontevedra.
O proxecto asentouse ao tempo que ían aparecendo novas ideas e liñas de traballo. E xusto un ano máis tarde do noso nacemento A Boia era preseleccionada para os “Premios Luceira de Comunicación Social”. A estas alturas ECOAR))) xa empezaba a ser un proxecto moito máis grande e instalado, que empezaba a espallarse a outras latitudes e facía que houbera que encaixar este medio de comunicación en toda esa nova estrutura de enfoque global.
Así pois empezouse a ver a posibilidade de conducir esta ferramenta cara a unha nova etapa que lle permitira ser máis inmediata e diversa e que, ao tempo, servira de ponte cara a un novo instrumento de comunicación máis complexo. Pero disto xa falaremos en vindeiros tempos máis polo miúdo.
Empeza unha nova etapa, entón, d’A Boia que abandonará o formato papel, para dixitalizarse de xeito permanente durante esta nova etapa; e que contara con espazos moito máis dinámicos onde se poderán consultar todo tipo de temáticas e eventos. E onde,por suposto, as portas están sempre abertas para todas aquelas persoas e colectivos que queiran participar e achegar á cidadanía as alternativas, iniciativas e respostas sociais e culturais ao sistema actual.
E para rematar esta despedida a unha etapa e un saúdo a outra, A Boia agradece a todas as persoas e colectivos que dun ou doutro xeito participaron en que esta primeira etapa concluíse tan exitosamente (distribuidoras, escritoras, locais, lectoras, adquiridoras, maquetadoras, impresora,…). A todas vós… Moitas grazas!! Esperamos seguir contando convosco nesta nova etapa axudándonos a mellorar a revista e, sobre todo, a conformar unha ferramenta coa que os colectivos e persoas poidan construír un discurso e unha cultura a través dunha ollada crítica en busca dunha cidadanía activa, responsable e comprometida.
Seguimos aboiando!!