Reflexións en novembro do 2014.

reflexion

Foto: Ondrej Kloucek

As organizacións sociais levan miles de anos evolucionando, ao meu ver, a cabalo da conciencia colectiva da humanidade. Opino que no continuo humano non se atopan protagonistas desa historia, acaso referentes. Todas somos participantes. O sistema engloba mesmo aos que están na súa cima, camuflada entre títeres de cores diversas.

Occidente vive un proceso en que os estados perden poder fronte as transnacionais mentres os partidos tradicionais perden credibilidade ante sectores cada vez máis amplos. No estado  español o descontento cristalizou nun movemento que rapidamente tivo o seu reflexo no panorama electoral. Hoxe “os indignados” puxan con forza pola xestión do 50% do PIB controlado polo gasto público e mais polo acceso ao control da
xeración de regras de xogo.

A conquista da Moncloa pode ser unha arma de dobre fío, una trampa, un perigo que debemos afrontar, xuntas, conscientes dos cambios que queremos para estar millor, dándonos tempo para achegarnos e tomar boas decisións. No camiño do sentido común, seica seremos capaces de repartir o que hai e aproveitar o que temos, deixándonos tempo para disfrutar, sentir e comprender a vida e o noso rol nela, a nosa esencia.

“Os poderes fácticos son inmunes ao pulo electoral e ás presións sociais. Poden tumbar gobernos trasladando empresas, creando guerras, devaluando monedas ou activos bursátiles. ”

Mais, por desgraza, os poderes fácticos son inmunes ao pulo electoral e ás presións sociais. Poden tumbar gobernos trasladando empresas, creando guerras, devaluando monedas ou activos bursátiles. Mais non son inmunes ao consumo e podemos organizarnos. A alimentación, a enerxía, a educación, a sanidade, son áreas nas que xa hai asociacións de produtores e consumidores que escapan á lóxica capitalista.

Hoxe, degustando unha crema de landra e laranxa, uns amigos déronme un tríptico do seu proxecto: Fóra do Linde, produtores ecolóxicos. Aproveitar e valorizar os recursos locais é unha obviedade que non debemos obviar, outro punto de encontro
coa realidade e co outro. Pouco a pouco.

Os camiños son moitos, alta é a complexidade deste xogo no que todas temos un papel importante. Os diversos colectivos que se están a nuclear deben atopar o seu lugar para ser funcionais. Poden pasar tantas cousas… Ata pode que os donos do planeta decidan liberarse da súa carga! Sería mellor para eles, mais non se pode contar con iso. Hai que seguir, xuntas.

Juan Pablo Forti.