Que é a pobreza?

pobreza1

Foto: Lorena Pajares

A Pobreza é a condición socioeconómica dunha poboación que non ten acceso aos recursos para satisfacer as necesidades psíquicas e físicas básicas que permiten
un nivel e unha calidade de vida axeitados (vivenda, alimentación, asistencia sanitaria,
educación, acceso á auga,…).

Pobreza vs  emprobrecemento.

A pobreza tense definido como un estado, circunstancia ou condición que xorde da incapacidade das persoas que a padecen. Esta concepción baséase na idea de que todas as persoas nacemos iguais e, polo tanto, temos as mesmas oportunidades.
Esta concepción, reforzada de sempre polos “valores” do capitalismo, implica que as persoas que viven en situación de pobreza son as únicas “culpables” da súa condición.

“As persoas teñen responsabilidade da súa situación no particular, pero son factores externos a elas os “responsables” da súa condición. Hai persoas
empobrecidas e non só persoas pobres.”

Fronte ao concepto pobreza, aparecería o concepto empobrecemento. O empobrecemento entende que ese estado no que as persoas son incapaces de satisfacer as necesidades básicas para ter un nivel e unha calidade de vida axeitados, non se debe tanto a factores relacionados coa persoa mesma senón a factores sociais, políticos e económicos que son os causantes do seu empobrecemento. Así pois enténdese que as persoas teñen responsabilidade da súa situación no particular, pero son factores externos a elas os “responsables” da súa condición. Falamos pois de persoas empobrecidas e non de persoas pobres.

Cales son as causas do empobrecemento ?

  • Capitalismo e globalización. O sistema global actual entende que as empresas son quen marcan as normas polas que se rexen as sociedades e, polo tanto, en último termo, as vidas das persoas. Así pois a mercantilización de todos os recursos, bens e servizos, sumado a unha concepción da vida na que do que se trata é de obter o maior beneficio económico posible (sen atender ás consecuencias que isto causa) fai que a riqueza mundial estea cada vez máis concentrada nunhas poucas persoas.
  • Menos do 1% da poboación mundial controla máis do 46% da riqueza mundial.
  • As 85 persoas máis ricas do mundo posúen o mesmo que as 3.500 millóns de persoas máis pobres.
  • 147 empresas controlan máis do 40% da economía global.
  • Falta de Educación. A educación dota ás persoas coas competencias que necesitan para mellorar os seus medios de vida, posibilita a participación na toma de decisións e na equidade e proporciona máis alternativas de emprego dentro da forza laboral na vida diaria.
  • 876 millóns de persoas son analfabetas (2/3 mulleres).
  • En 40 anos, nun país que ofrecera igualdade de oportunidades aumentaría o seu ingreso per cápita un 23%.
  • Se todas as mulleres cursaran :
    • + educación primaria a mortandade infantil reduciríase en 2/3 (189.000 mulleres salvarían a vida cada ano).
    • educación secundaria a mortandade infantil reduciríase nun 50% (salvaríanse 3 millóns de vidas ao ano).
  • Desastres naturais. O consumo desmedido dos recursos naturais, a desmedido dos recursos naturais, a sobrepoboación, a lexilación laxa contra os desmáns contra o medioambiente, a urbanización ou a mala distribución demográfica fan que o territorio sexa máis vulnerable aos desastres da natureza. Esta situación implica un menos acceso aos recursos naturais, alimenticios e á auga, e polo tanto incrementa o nivel de pobreza das persoas que os padecen.
  • Máis do 90% das mortes a causa de desastres naturais ocorreron nos países pobres.
  • 325 millóns de persoa empobrecidas en situación extrema vivirán nas zonas máis propensas aos desastres naturais máis propensas aos desastres naturais.
  • Guerras e Violencia. As guerras, invasións e conflitos armados soen implicar a destrución dos medios produtivos e das infraestruturas, a alteración da economía, o comercio nacional e internacional, aumenta a desocupación, morren e enferman persoas en idade de traballar, arruínanse recursos naturais, pérdense
    profesionais porque emigran cara a outros lugares,… E a consecuencia final é a ruptura dos lazos sociais e a ausencia de acceso á alimentación, á auga e ás
    condicións de saúde, mínimos.

pobreza2

Foto: Fernando Valenzuela.

“Infórmate e informa sobre as causas da pobreza, sinala aos maiores responsables e actúa para atallar o teu impacto no empobrecemento doutras persoas ”

E ti… que podes facer?

As persoas e pobos empobrecidos teñen unha casuística complexa que debemos comprender para darlle solución. Infórmate e informa ás persoas que te rodean sobre as causas e as consecuencias das situacións do empobrecemento. Pula por atallar ou reducir a través da túa actuación o teu impacto sobre o empobrecemento doutras persoas e pobos (consumo responsable,…). Participa nas diferentes campañas, iniciativas e accións que pulan pola súa fin. Actúa en organizacións e colectivos que busquen erradicar este mal endémico dende unha perpectiva de dignidade, xustiza e colaboración, que ao mesmo tempo se afasten da caridade.

Redacción.