O goberno de Andalucía acaba de dar un paso adiante na loita contra o poder da banca no estado español: a expropiación das vivendas sobre as que pende un desafiuzamento inminente. É un paso pequeno e temporal, que non atalla o endémico problema da vivenda, pero moi positivo porque, asemade de situar no debate público a expropiación coma arma posible contra a banca, o que non é nin moito menos un asunto banal, demostra que a presión dende a rúa da resultados. É moi importante entender isto: a resposta do goberno andaluz non ten a súa orixe na preocupación dunha administración que, non o esquezamos, aplica as mesmas políticas austericidas que o resto do estado, senón que se trata dunha reacción ante a mobilización dende abaixo. As mobilizacións da PAH ao longo dos últimos anos tiveron un punto de inflexión cando, dende a rúa, conseguiron a aprobación da ILP que promovían.A lei de expropiación temporal como salvagarda das familias acosadas pola banca e as sancións económicas para as persoas xurídicas (banca e inmobiliarias) que manteñan vivendas desocupadas en Andalucía é unha cesión máis dos poderes públicos a loita dos de abaixo; unha cesión sen dúbida dolorosa, pois, non o esquezamos, a prioridade dos partidos do réxime e os seus aliados no goberno é o sostemento dos beneficios do capital financeiro, aínda que isto supoña pasar por riba dos salarios, a educación, a sanidade ou as pensións.
A dificultade do enfrontamento coa banca radica no poder que atesoura, un poder que faise moi evidente para un goberno a hora de levar a cabo a xestión: a través da compra de débeda pública, a banca cubre o 40% do presuposto do estado español, é a propietaria de máis do 70% da débeda que nos afoga e, asemade, os nosos gobernantes representan, sociolóxicamente, á clase atesourada, unha clase directamente relacionada cos intereses dos banqueiros. ¿Podemos falar entón de democracia, cando a banca privada ten a capacidade para afogar estados se tentan opoñerse ao seu poder? Non, non podemos. O primeiro paso deberá ser a expropiación da banca nacionalizada para dar lugar a unha banca pública baixo control social.
Autor Revista A Boia