1. Que queres amosar co teu libro?
Que España e os españois somos maduros e estamos dispostos a asumir responsabilidade. Que aprendemos a lección da crise e non volveremos deixar o noso país en mans duns poucos e sen o máis mínimo control. Para os que aínda dubidan quérolles demostrar que hai modelos alternativos, serios e viables.
2. Que é Reforma13?
É a proposta dunha modificación constitucional para cambiar o sistema de facer política. Propomos democracia directa, listaxes abertas, un goberno colexiado elixido polo pobo, políticos milicianos, unha reforma do Senado e a reforma da elección do Congreso. Nada doutro mundo.
3. Que é a democracia directa?
A posibilidade dos cidadáns de controlar e dirixir a política a pesar de delegar a súa xestión a uns representantes. Mediante Iniciativas e Referendos podes esixir Votacións Populares. No primeiro caso propondo unha lexislación nova e no segundo impedindo que entre en vigor algo que lexislou o parlamento.
4. Podes pór un exemplo de proceso de democracia directa?
Se un grupo de xente considera oportuno que se cambie a lei sobre os horarios de apertura das tendas e o parlamento non actúa, poden recoller as sinaturas necesarias para unha Iniciativa e o pobo vota directamente sobre esa proposta. No caso de que o parlamento (local, autonómico ou nacional) aprobe unha lei sobre algún tema que non lle guste a un grupo de xente, poden recoller o número necesario de sinaturas para un Referendo e o pobo decide sobre se aproba esa lei ou non. Así de sinxelo, non ten máis misterio, é coma se delego no xardineiro o coidado do xardín pero me reservo o dereito de decidir cal árbore se corta e onde se planta a nova.
5. Cres que a democracia directa melloraría a situación política no Estado Español?
Cres que o propoño para empeorar a situación? É lóxico que mellorará a situación. Non habería os extremismos temporais que vivimos nos que se concede cada catro anos o poder absoluto a uns ou a outros para que fagan e desfagan ao seu gusto. Os cidadáns, que son os que pagan o pato, poderían influenciar directamente o destino da política e sobre todo o mero feito de que exista o control, aínda que non se exerza, fai que as cousas funcionen doutra maneira. O mellor Referendo é o que nunca se celebra, porque demostra que os representantes, ante a ameaza dun posible Referendo, puxéronse de acordo e elaboraron unha lei moderada que todos poidamos aceptar e ninguén se moleste en recoller sinaturas.
6. Vendo a situación en Europa, cres posible a chegada ao goberno de novos partidos políticos?
Si, aínda que non creo que a solución sexa cambiar os partidos ou as siglas e manter o sistema. Se a paneira está podre de nada serve meter pan fresco. Todos os partidos corromperíanse neste sistema de poder absoluto e control nulo.
7. Como cres que respondería o capitalismo internacional ante un cambio político fondo no Estado Español?
Hahaha, o que propomos Juan e eu non é nada revolucionario e eu creo que tanto o capitalismo internacional como o proletariado internacional deberían de estar encantados se en España se establecese un modelo responsable e estable.
8. Como ves a relación entre a corrupción e o sistema político no Estado Español?
Hai tres niveles de corrupción.
1. O criminal nato que só fai política para roubar. Eses son pouquísimos, menos dun 1%; é inevitable e haino en todas as profesións e en todos os países. Estes teñen que ir ao cárcere cando se lles pilla.
2. A corrupción sistémica. Esta xérase por un sistema de poder sen control que fai case
irresistible a tentación e ademais ao ter que vivir da política e depender de listaxes pechadas, os políticos convértense en vítimas do sistema. Isto pódese corrixir con #reforma13
3. Os “pecadiños pequenos”. Estes son defectos humanos que se poden entender, pero non xustificar, eu creo que tamén diminuirían se aumentase a probabilidade de que te pillen. De todos os xeitos creo que a enorme maioría dos políticos non son corruptos en por si. Non tento xustificar a súa conduta, só tento explicar a causa e propor un remedio.