O pasado 18 de febreiro as ONG Amnistía Internacional, Intermón Oxfam e Greenpeace presentaron ante o Congreso dos Deputados un Decálogo de peticións, dirixido ao Presidente do Goberno e aos sete grupos con representación parlamentaria, co que pretendían denunciar o que dende moitas organizacións, colectivos e fogares entendemos como unha estafa social, traducida na perda de dereitos, o aumento das desigualdades sociais e o deterioro do medio ambiente. O incremento da pobreza debido ás políticas de austeridade impostas polo goberno, as limitacións no acceso á sanidade, os desaloxos (moitos forzosos), a represión coa que se responde ao dereito de manifestación da cidadanía, a impunidade da evasión fiscal, a mala xestión dos recursos naturais ou os recortes en materia de cooperación son algúns dos aspectos recollidos neste Decálogo.
Coa escusa da crise económica, o goberno vén impoñendo unha inaceptable regresión en materia de dereitos humanos. Dereitos que, para ser esixidos, deben ser previamente coñecidos. Neste contexto é fundamental incidir na necesidade dun sistema educativo que contemple de xeito obrigatorio temas como a igualdade de xénero, o racismo, a violencia, a homofobia ou a discriminación: unha lei educativa que inclúa formación específica en dereitos humanos por medio da materia de Educación para a Cidadanía, que o actual Ministro de Educación pretende eliminar coa aprobación da reforma educativa, tal e como se recolle no borrador de lei presentado no mes de decembro.
A actual proposta de lei contradí o sinalado polo Consello de Ministros en maio: “o Goberno seguirá adoptando as medidas necesarias para garantir a todas as persoas o goce efectivo dos Dereitos Humanos”. Ademais, a non modificación do texto proposto polo ministro Wert suporía un incumprimento dos acordos e recomendacións europeas e internacionais subscritos por España, apoiadas, no seu día, polo goberno do Partido Popular. Un currículo carente de contidos explícitos en DDHH supón un retroceso inadmisible.
Lorena Arévalo, activista de Amnistía Internacional Vigo