Editorial (Agosto).

-E que facemos co escombro? – Deixao no monte, na beira de calquer camiño.

-Onde podemos facer unha mega promoción urbanística? – É doado, no monte. Se non hai camiño o facemos.

É probable que algunha vez presenciase vostede un diálogo como o primeiro; o segundo é menos probable que o presenciara, pero teña vostede por seguro que se ten producido moitas, moitas veces. Ambos responden a unha visión contemporánea do monte. Actualmente, a maioría da poboación galega considera o monte como algo con moi pouco valor, algo inmenso e inesgotable, alleo a vida cotiá, á cidade e a política. É un espazo que non empregamos case nunca, e se o empregamos é para facer aquelo que en ningún outro sitio faríamos; dende logo nunca na porta da nosa casa, no noso barrio ou vila.

Para o poder político e económico o monte galego non ten outro valor que ser unha reserva de terreo para proxectos urbanísticos especulativos. Así, con escaso planeamento e sentido común, en metade do monte, en sitios onde nen hai poboación nen infraestructuras previas, ábrense polígonos industriais, urbanizacións, facultades, centros comerciais…, moitos deles, de dubidosa rendabilidade económica e social, terminan baleiros. Nas últimas décadas, sartas de políticos adobados orquestaron grandes proxectos formigoneiros no monte: o formigón é barato, o “solar” é barato, polo tanto a “foto inaugural” tamén está barata.

Esto, ademáis de implicar a destrucción de solo fértil, significa a fragmentación de espacios naturais, a dispersión do habitat humano e limitacións para explotación económica e social do monte: o formigón e o asfalto parten o monte, os regatos, os camiños, a paisaxe, a vida natural e a humana.

Hoxe en día, na nosa contorna, temos un lamentable exemplo desta forma de entender o monte como un simple solar, trátase do proxecto de “Porto Cabral”, que pretende construir un centro comercial duns 300.000 m2 a 10 km do centro da cidade de Vigo. Esta obra faríase a costa de destruir o monte comunal de Cabral, un monte que estaba sendo obxeto de rexeneración por parte dos veciños.

Agora, hai que decir NON a “PORTO CABRAL”. Simplemente, o “NON” é suficiente: o monte comunal de Cabral é desas cousas que non podemos perder para sempre.

Autor Revista A Boia.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *