Que é o monte?
O monte é aquel espazo “sen cultivar” que non é o urbano e esta ocupado por vexetación.
O monte é un dos ecosistemas máis importantes da terra. Está conformado por unha gran biodiversidade; é regulador do clima, a atmosfera e a hidrosfera, ademais de ser un importante soporte da vida humana.
Do monte pode tirarse madeira, froitos,combustibles, caza, fertilizantes… E poder ser tamén un espazo de lecer, deporte, estudo…
O monte en Galicia.
Pola súa xeografía e historia Galicia é terra de montes. Orixinariamente, o monte natural, maiormente bosque, ocupaba a práctica totalidade do territorio galego. Na actualidade considérase que Galicia é monte nun 69%*, do cal menos dunha quinta parte estaría composto por bosques de especies autóctonas.
En tempos, en Galicia, case que cada familia tiña unhas parcelas de monte, de onde se obtiñan recursos para a casa e a explotación agrícola. A desaparición da explotación rural tradicional, e o fracaso dos monocultivos madeireiros, fixo caer ao monte en desgracia, desvalorizándoo social e económicamente.
Os problemas do monte en Galicia.
As plantacións de monocultivos. Dende finais do século XIX, en Galicia estendéronse grandes monocultivos de árbores para a industria madeireira e papeleira, nomeadamente piñeiro e eucalipto. Estas especies prometeron grandes beneficios empresariais, pero non foi así. A proliferación deste tipo de plantacións conlevou unha sobreprodución e unha perda de valor da mercancía, facendo inviables economicamente as plantacións marxinais e de menor tamaño.
As especies invasoras. A continua expansión destas especies madeireiras exóticas, así como outras empregadas en xardinería e agricultura, está acontecendo a expensas do monte autóctono e das terras de labradío. As especies invasoras inutilizan terreos produtivos, desequilibran os ecosistemas, esgotan a fertilidade e recursos hídricos do chan galego… Todo isto é custoso de atallar, dificultando, ou incluso imposibilitando, certas formas de explotación como son a tradicional, a sostible ou ecolóxica (apicultura, caza, pesca, micoloxía…).
A atomización da xestión e o abandono. Máis de 2/3 do monte galego é propiedade privada particular: calcúlase que en Galicia hai máis de 600.000 propietarias particulares de monte**. O abandono destas pequenas parcelas, ocupadas maiormente por especies foráneas de crecemento rápido, conlevan a súa dexeneración en “bosques zombies”, con pouca riqueza medioambiental, excesiva acumulación de biomasa e escasa resistencia aos incendios, sendo polo tanto un risco para o resto do monte.
Os incendios. Os tres problemas descritos anteriormente son as principais causas do problema máis dramático do monte galego: os incendios, que todos os anos arrasan milleiros de hectáreas de monte, custan millóns de euros en servizos de prevención e extinción, destruén infraestruturas públicas e bens particulares, e, desgraciadamente tamén, a vida de persoas.
Qué podes facer ti?
Respecto e coidados. Cando vaias ao monte, a traballar ou de lecer, sé respectuoso cos animais e plantas e co ecosistema mesmo. Non uses o monte como un vertedeiro, e sé moi coidadoso co lume.
Responsabilizarte do teu pedazo de monte. Un de cada tres galegas temos algunha parcela de monte, se ti non podes mantela en bo estado procura a alguén que si o faga, cedéndoa o arrendándoa a quen si estea interesado. Ademais de particulares e cooperativas en Galicia existe unha institución con este propósito: o “Banco de Terras”.
Consumo responsable. Se precisas consumir produtos forestais industriais, preocúpate de que pertenzan á explotacións sostibles, respectuosas co medio ambiente e as poboacións locais. Alén da etiquetaxe comercial existente (FSC, PEFC… ou o selo da CRAEGA, en Galicia), é bo interesarse polas condicións de produción e calidade destes produtos: de onde veñen? Quen retén o maior beneficio? Créanse refugallos? Son reciclábeis? Son duradeiros?… Son preguntas que poden permitirte facer unha escolla máis intelixente.
Esixir un servizo público de calidade na prevención e extinción de incendios. Actualmente en Galicia non existe un servizo integral de prevención e extinción de incendios, hai 5 institucións distintas que carecen dunha planificación conxunta e están enfocadas máis a extinción que a prevención. Ademais, o actual goberno ameaza con recortes e a privatización deste servizo. Por todo isto é preciso que a cidadanía galega reclame e participe na institución duns servizos públicos enérxicos, acordes coa importancia social e ambiental do monte en Galicia.
* – “O monte galego en cifras”, Xunta de Galicia,Conselleria de Medio Ambiente, 2001.
**- De media cada propietario ten entre 2 a 2,5 hectáreas, divididas en 10 parcelas. Ferreira Golpe, Miriam e Pérez García, Óscar Antón. “Os incendios forestais en Galicia”. FPG, 2010.
Autor Ecoar)))