Os dereitos da terra coma dereitos fundamentais.

Sempre, pero cunha urxencia maior nestes tempos, cómpre reflexionar sobre a relación o ser humano coa natureza, Está a natureza ao noso servizo? Somos parte dela? A natureza ten dereitos? Debemos garantilos de ser así?

Dereitos da terra

Segundo sexa a resposta, poderemos entender algunhas das agresións que recibe, agresións que moito tememos non sexan reparables: o burato da capa de ozono, a contaminación de ríos e mares; o cambio climático; a reciclaxe dos residuos nucleares, a falta de respecto cara a flora e fauna, e un longo ectétera de decisións que priorizan o beneficio a curto prazo; mais non pensamos que sexa o criterio idóneo a ter en conta cando falamos do ámbito onde vivimos, onde crecemos e onde imos estar.

A cosmovisión do mundo vai mudando co paso do tempo, tamén en cuestión de dereitos. No século pasado, a finais dos anos 60, unha forte onda de mobilizacións, puxo de manifesto os límites dos dereitos e así foron collendo forza demandas como as dos pobos dominados, das mulleres e das minorías sexuais, os dereitos vinculados á protección do medio e os dereitos das xeracións futuras até pasaren a un primeiro plano ao constatarse os límites ecolóxicos do modelo de crecemento económico imperante.

No proceso de mundialización que sufrimos podemos identificar novos ámbitos de protección, novos suxeitos con necesidades e intereses que até este intre non foron atendidas e novas escalas de tutela de dereitos. Entres estas últimas está a protección da natureza. Na constitución de Ecuador do ano 2008 di así:“Nós o pobo soberano do Ecuador (…) celebrando á natureza, a Pacha Mama, da que somos parte e que é vital para a nosa existencia” adicándolle un capítulo enteiro aos dereitos da natureza, entre outros: respecto a súa existencia, protección, preservación, rexeneración, restauración,
eliminación das consecuencias ambientais nocivas, restrición de actividades de
destrución ou alteración de ecosistemas e o deretio ao desfrute do bo vivir.

“Isto sabemos: a terra non pertence ao ser humano, o ser humano pertence á terra.”
-Gran Xefe Indio Seatle, da tribo dos Duwamish, 1854.

Autora Enrédate radio.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *