No poema “Los robles” de Rosalía de Castro, incluído no seu libro En las orillas del Sar (1884), a poeta de Padrón describe o proceso de desaparición destas árbores dos nosos montes:
Bajo el hacha
implacable ¡Cuán presto
En tierra cayeron
Encinas y robles!
Y a los rayos del alba risueña
¡Qué calva aparece,
la cima del monte!
, e a súa progresiva substitución polos piñeiros:
Una mancha sombría y extensa
borda a trechos del monte la falda …. Son pinares que que al suelo desnudo
De su antiguo ropaje le prestan el suyo.
Máis adiante, no mesmo poema, Rosalía confesa a súa preferencia pola árbore de folla caduca:
Pero tú, encina sacra del celta
y tu, roble de ramas añosas
sois más bellos…
e contra o final, relaciona a súa desaparición dos nosos montes coa situación de asoballamento do noso pobo, e invoca o momento do seu regreso como un contrasinal para o empezo da loita de liberación nacional:
Torna roble, árbol patrio, a dar sombra
Cariñosa á la escueta montaña
Donde un tiempo la gaita guerrera
Alentó de los nuestros las almas.
Como vemos, a desaparición do carballo, árbore totémica dos celtas segundo a historiografía nacionalista da época, pasa a ser o símbolo do noso sometemento como pobo,e a data da súa reaparición nos nosos montes ha coincidir para Rosalía co momento da nosa redención nacional. Os piñeiros, polos que Rosalía confesa tamén o seu amor, e que serán máis adiante convertidos por Pondal en emblema máximo de Galicia, non teñen para a poeta do Sar significado épico ningún, e o que é peor, veñen a poboar os montes que antano foran lar dos guerreiros carballos.
A pregunta que nos facemos pois é: cando comezou a substitución real do carballo polo piñeiro en Galicia? Sabemos que a construción da mal chamada Armada Invencible nos estaleiros de Ferrol supuxera, no seu día, unha verdadeira hecatombe para as fragas do noso país da que nunca chegaron a se recuperar completamente, e tamén que a madeira desta árbore era a preferida na construción naval, o que ben podería ter motivado a súa sobreexplotación e progresiva desaparición dos nosos montes. Pero algo máis tivo que acontecer na Galicia do último terzo do século XIX que explique o laio de Rosalía, e que o autor deste artigo descoñece. Fica entón sen resposta este pequeno enigma para esclarecemento do historiador.
Autor Alberto Lema.