Hai quen vai ao monte e só mira leña…

montes_2

Vivo rodeada de monte. A cen metros da casa baixa un río, nas marxes hai salgueiros, castiñeiros, sabugueiros, carballos e todas as múltiples plantas que adoitan vivir nas ribeiras, sempre e cando as augas baixen limpas.Tamén, pintada de verde, para camuflarse? está a urbanización ilegal: os seis chalés que non poden venderse, á espera de ser legalizados… pero esa é outra historia. Cara arriba comezan as acacias, logo piñeiros e eucaliptos xuntos, máis alá só eucaliptais e, cara á esquerda, o monte que ardeu hai dous anos, azulado polo agromo, de novo, dos eucaliptos (28% da superficie arborada de Galicia). En fronte vexo unha zona extensa de solo queimado, onde intentan medrar carballos. A comunidade de montes decidiu eliminar as acacias talalándoas e botando herbicida. Quimioterapia?.

De quen é o monte? Apámpanme os seguintes datos: só o 1% do monte galego é público, o 66% é propiedade privada particular e o 33% privada veciñal (mancomunidades de montes).

Hai quen no monte só mira leña…. Nos anos 40 o Patrimonio Forestal do Estado fixo unha repoboación forzosa que colapsou a agricultura e gandería tradicionais. Agora vén a ameaza da macrominería e dos eólicos, para exportar materia prima e enerxía, non centrados na autosuficencia da comunidade, que se instalan sen ter en conta máis puntos de vista que os económicos a curto prazo.

montes_1

O tratamento do monte funciona ás arroutadas, segundo as necesidades dos mercados. Hai 3.500 empresas vinculadas ao galego que produce 2.000 millóns de euros de beneficio, o 3,5 do PIB. A Xunta está a valorar a prórroga da concesión a ENCE. As empresas ameazan, o prezo da madeira baixa, xa se importa máis barata (así desforestamos outros lugares máis pobres). A campaña social conseguiu deter as fumigacións aéreas co Cascade, prohibido en Europa. Mais de 30.000 colmeas desaparecen en Galicia cada ano. Hai riquezas que contan e outras que non.

E así andamos. No Val Miñor non damos feito: Salvemos Monteferro!, SOS Groba!, Pola Protección da Serra do Galiñeiro!

Autora Ánxeles B.F.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *