Dende a Alta Idade Media, os montes en man común foron xestionados pola veciñanza para obter pedra, leña, madeira, pasto, caza e froitos diversos. O goberno de Franco estatalizounos, pasando a ser xestionados polo ICONA.
O goberno autonómico segue esa tradición “desenvolvista” ou “desarrollista”. As madeiras nobres non interesan en Galicia. Dos 1200 aserradoiros que produciron madeira de calidade quedan 200. O grupo Finsa copa o mercado, abastécendose de madeiras tropicais e participando na destrución das selvas do mundo.
O afán de lucro inmediato lévanos polo mal camiño: o piñeiro e o eucalipto constitúen o 90% da madeira cortada en Galicia para abastecer ás industrias da pasta de papel e do conglomerado, á que lle serve igual a madeira queimada, que paga a 6 euros a tonelada en lugar de a 30. O lume é por tanto un negocio redondo que move ademais moitos millóns na súa extinción. E segue a medrar… Xa se están a sementar eucaliptos coa idea de producir electricidade da forma menos eficiente, a biomasa.
Mais o cambio está nas nosas mans. Existen preto de 3.000 comunidades de montes en Galicia, que ocupan entorno ás 700.000 has ( un 23% da superficie gallega, 40% da superficie forestal). As galegas somos soberanas destas terras, e 300.000 persoas desempregadas en Galicia ben se poden ocupar delas.
É posible: o pobo sevillano de Marinaleda accedeu ás 1000 hectáreas que o “Duque del Infantado” tiña en desuso. Hoxe 1.100 persoas traballan nelas e na industria transformadora (aceite e conservas) creada cos excedentes da cooperativa agraria. Alí non existe o desemprego, nin hai quen se lucre do traballo alleo nin da riqueza da
terra: é un pobo soberano da terra que traballa.
Marinaleda loitou máis de 15 anos para ter acceso a esas 1.000 hectáreas, igual que os galegos loitaron por recuperar os montes en man común tras a morte do caudillo, conseguidos no ano 81. Seremos quen de dar o paso de poñelo en valor, explotalo diversa e sustentablemente, transformar e comercializar as súas materias primas de xeito cooperativo?
É cuestión de tempo…
Autor Juan Pablo Forti