Editorial (Setembro).

Portada SetembroO litoral, a terra e as augas costeiras son se cadra o ben público máis valioso que temos. Praias, cantís, dunas, beiramares, esteiros,… son espazos naturais cunha gran riqueza medioambiental, social e económica limitados: hai o litoral que hai e é imposible crear outro.

Gran parte das nosas costas sufriron agresións de imposible ou moi difícil rexeneración; a Ría de Vigo é un exemplo do efecto depredador da industrialización, o capitalismo e o caciquismo. Nas últimas décadas, e semella que nas vindeiras tamén (a menos que o evitemos), a costa, un ben común, foi privatizada (ou concedida “incondicionalmente”) para o beneficio dun poucos.

En teoría no estado español o valor do litoral como ben público está recoñecido na mesma Constitución de 1978; no artigo 128. 2, dise que o Estado debía ser o garante da conservación e aproveitamento sostible deste ben público. Pola contra na práctica, o Estado é o principal axente de degradación da terra e augas costeiras.
O Estado non protexe suficientemente a costa dos intereses privados e na realidade é el mesmo quen actua como promotor de agresións ao noso medio ambiente e modo de vida.

Así, na Ría de Vigo, a Autoridade Portuaría (e anteriormente J.O.P.) foi, e ainda é, a principal responsable da destrución de praias e bancos marisqueiros. Boa parte do crecemento de Vigo e contorna fíxose a base de destruir a súa costa. Dende o ano 1870 en que se fixo o primeiro recheo no Areal, o interese particular foi o que dirixiu as instalacións industriais e comerciais (tivesen ou non implicación co mar), urbanizacións, paseos, avenidas e aparcadoiros marítimos do “Porto de Vigo”. Aínda hoxe en día a Autoridade Portuaria carece dun plan integral que asegure un óptimo e xusto aproveitamento dese espazo tan valioso.

A día de hoxe o desmantelamento do sector naval, a debilidade das industrias pesqueiras (Pescanova, Vierasa,…) e a cada día maior dependencia da Citröen, debería facer cuestionarnos este modelo social e económico desenvolvista que crea oportunidades para unhas poucas e desemprego, inseguridade, pobreza e miseria para a maioría. Agora mesmo todas nós deberíamos preguntarnos por que o goberno do PP está a impor unha nova Lei de Costas, na que, entre outras cousas, en moitos puntos das rías a servidume do Dominio Público Marítimo-Terrestre pasará de 100 a 20 metros.

Autor Revista A Boia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *