A “mudanza global” da pesca en Galicia.

2.6.2.1A temperatura media en Galicia incrementouse 0,7 graos nas últimas décadas. Segundo un informe do CSIC, a produtividade na plataforma galega ven descendendo nas derradeiras décadas; un 40% dende os anos 50 ata a actualidade. A mudanza climática global altera o réxime de circulación atmosférica, habendo cada vez menos ventos do Norte e con menos intensidade na nosa costa. Os ventos do Norte arrastran as augas superficiais da costa cara o mar, e este volume de auga así desprazado é ocupado por augas profundas cargadas de nutrientes. O afloramento destas augas, en contacto coa luz solar fai que medren as algas que constitúen a base da cadea trófica mariña, da que formamos parte dende hai milenios.

“Segundo un informe do CSIC, a produtividade na plataforma galega ven descendendo nas derradeiras décadas; un 40% dende os anos 50 ata a actualidade.”

Queimando petróleo conseguimos mudar o clima de xeito inexorable e impredicible, e tamén multiplicamos a nosa capacidade de incidir na biosfera dun xeito mesurable. As frotas pesqueiras, movidas polo gasóleo multiplicaron a súa capacidade de extracción, e pronto a inmensidade do mar fíxosenos pequena; un 70% dos caladoiros europeos están sobreexplotados e o ecosistema mariño altamente degradado e contaminado. Chégase ao punto de que os poucos lugares aínda ricos soportan un esforzo pesqueiro tal que en centos de millas cadradas os buques literalmente pelexan polo territorio. É habitual que os arrastreiros leven por diante centos de aparellos de enmalle sen consecuencias.

Un mariñeiro galego fai 30 ou 40 anos podía facerse unha casa co soldo de dous anos e hoxe pode pasar toda a vida sen rematar de pagar a hipoteca. O esgotamento dos caladoiros e o continuo incremento do prezo do petróleo, que hoxe acada un terzo da venda das capturas, fan diminuír a marxe do beneficio. Miles de familias viven da pesca en Europa, polo que a súa sustentabilidade é crucial. Facer isto posible implica necesariamente internalizar os custes, é dicir, que o extractor primario (mal chamado produtor) venda o peixe a un prezo que permita cubrir os custes de coidar os recursos e respectar as persoas. Mais isto non é o que ocorre: os extractores venden o peixe ao prezo que os intermediarios decidan pagar, pois precisan desesperadamente a liquidez para encher o depósito, arranxar o barco e saír ao mar. Para máis inri dáse o paradoxo de que o prezo do peixe sube no super, mais baixa na primeira venda: a pescada que pagamos a 14 euros o quilo vendeuse a 2,5.2.6.2.2Nestes tempos, estase a reformular a PPC (Política Pesqueira Común) e en moitos aspectos supón un avance en para a sustentabilidade, aínda que moitas normativas non sexan aceptadas polo sector pesqueiro, que non tivo opción a participar no proceso. Tampouco se mira intento algún por regular o abuso por parte dos intermediarios, nin se fala de internalizar os custes para unha explotación sostible.

“O esgotamento dos caladoiros e o continuo incremento do prezo do petróleo, que hoxe acada un terzo da venda das capturas, fan diminuír a marxe do beneficio.”

O que si se está a potenciar coas novas políticas da UE son as ‘reservas mariñas’. Esta é unha figura na que os “produtores” locais son os responsables da xestión dos recursos dun área determinada. Nestas áreas se fomenta o cooperativismo e a venda directa ao consumidor, incrementando a marxe a axudando ao mariñeiro a cobrar un prezo xusto polo seu traballo.

En Galicia temos dúas reservas mariñas, Lira e Cedeira, e cos seus atrancos, van funcionando. A Fundación Lonxanet encárgase de vender “on-line” unha parte desta produción. Probablemente a pesca industrial teña que aprender deste tipo de emprendementos: se os armadores foran quen de pórse de acordo, pactar prezos de venda xustos e quendas de explotación para asegurar a estabilidade dos stocks poderíamos crear un modo de vida digna para os galegos mariñeiros, sen necesidade de contratar a miles de indonesios e peruanos que traballan 12 meses ao ano por menos da metade do que o fan os poucos galegos mariñeiros que aínda quedan… polo menos, mentres haxa gasóleo para ir ao Gran Sol e máis alá.

Autor: Juan Pablo Forti

Foto 1: Embarcacións da reserva mariña de Lira. Pode que nunhas décadas rexurdan os portos destas características.

Foto 2: O espellismo do petróleo “gratis” e dos recursos ilimitados. Hoxe a agresiva flota de altura galega ten tripulación estranxeira para manterse a flote.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *