Se xeneralizamos un chisco, podemos afirmar que os espazos costeiros, no que respecta á Ría, son vistos como “oportunidades” para a edificación (de casas, de chalés, hoteis ou galpóns). Con elas chega a “urbanización”, ou sexa, os servizos de carácter urbano como a luz eléctrica, o saneamento… pero tamén a “mellora” dos camiños para convertelos en estradas.
En Galicia existe un outro problema e ten que ver coa identificación entre pichi e progreso. Así é que a ninguén le sorprende escoitar, no tocante ás estradas, que “canto máis anchas sexan, mellor”
En Galicia existe un outro problema e ten que ver coa identificación entre pichi e progreso. Así é que a ninguén le sorprende escoitar, no tocante ás estradas, que “canto máis anchas sexan, mellor”. Tamén é certo que este tipo de afirmacións está perdendo popularidade.
Isto é así dende que nocións de progreso e desenvolvemento -ligadas tradicionalmente a aspectos unicamente materiais- comezaron a incorporar aspectos cualitativos; é dicir, aqueles que fan referencia ao “bo vivir”. Por este motivo é habitual que a costa se converta en espazo de conflito entre os defensores dun desenvolvemento cuantitativo (máis é sempre mellor) e aqueloutros que entenden que o desenvolvemento é algo máis que crecemento sen máis e por iso piden un desenvolvemento en calidade.
Tentaremos ilustrar esta cuestión co caso dun espazo costeiro no que o crecemento é contrario ao desenvolvemento. O protagonista é o antigo camiño que, discorrendo ao carón da costa, comunicaba as vilas de Moaña e Cangas (antes da existencia da PO-551). Na actualidade é un camiño asfaltado, cun ancho reducido (ver a sección tipo A) pero que conserva moita vida e é utilizado das formas máis diversas; de feito cada vez máis, sirve de atallo para peóns e ciclistas que van dunha vila á outra (distantes 5km) e que queren evitar a dura e árida estrada.
Malia a todo, segundo unha parte da veciñanza, o camiño debería ser desdobrado para facilitar o cruce entre dous coches (ver sección tipo B). Esta solución, xa foi repetida nun sen número de camiños e o resultado é un tipo de estrada que “repele” calquera outro uso que non sexa a circulación rodada, posto que fai inviable o xogo, a socialización, o paseo, o tránsito en bicicleta, etc.
En resposta, defendemos outras fórmulas capaces de mellorar os espazos que atravesa este camiño costeiro. Coa participación da veciñanza, chegouse a unha solución na que o espazo do camiño pasaría a ser compartido, acometendo a tal fin, sinxelas melloras puntuais que faciliten a convivencia entre persoas e vehículos (ver sección tipo C). Para
completar a mellora do antigo camiño costeiro limítanse a velocidade e volume de coches.
Esta estratexia levaríase a cabo en cada un dos catro tramos do camiño (fragmentado pola PO-551); ao mesmo tempo que se resolven os puntos de cruce entre ambas vías (semáforos con botón, barreiras, etc). Deste xeito conséguese pór a disposición de tódalas persoas unha infraestrutura que complementa á PO-551, en troques de desvirtuar un espazo costeiro con fórmulas de desenvolvemento obsoletas.
Un camiño humanizado, que comeza e remata nunha estación marítima de ría sería unha feliz forma de repensarmos as nosas necesidades básicas en materia de mobilidade.
En definitiva, os novos hábitos da poboación requiren unha readecuación das infraestruturas e espazos existentes. Un camiño humanizado, que comeza e remata nunha estación marítima de ría sería unha feliz forma de repensarmos as nosas necesidades básicas en materia de mobilidade. Se chegaches ata aquí, queremos convidarte a que vos acheguedes a Tirán e que, seguindo o mapiña, descubrades as praias ás que dá acceso este camiño.
Autoría: Estudio RURban (María Novas, David Pereira e Martín Barreiro), proxectos híbridos. Visítanos en https://www.facebook.com/territoriomorrazo