A importancia dunha Educación Ambiental transformadora.

VerdegaiaSen ánimo de comezar facendo un extenso repaso da actual situación do mundo, semella que hai un considerábel consenso cando menos científico –sempre hai personaxes exóticos que negarán a maior– sobre a existencia dunha crise ambiental sen precedentes: o cambio climático, a extinción de especies, a contaminación dos ríos e mares, etc.

“Non nos enganemos: a resposta á crise ambiental á que nos enfrontamos non pode vir a través de pequenas modificacións que reparen os “pequenos desaxustes” do modelo actual”

Atopámonos fronte a obrigada necesidade de mudar a nosa forma de relacionarnos, entre nós e coa natureza. Un proceso de cambio que ten que ser tamén un proceso colectivo de aprendizaxe no que a Educación Ambiental xogue un papel protagonista.

Probabelmente, estas dúas palabras, “Educación Ambiental”, lles soen bastante; en realidade, dende hai máis de 30 anos se veñen desenvolvendo distintas iniciativas con este nome, con distintos públicos e en distintos ámbitos. Mais, cabería facerse cando menos, unha pregunta: cal é o papel que está a xogar a Educación Ambiental que se está a desenvolver na actualidade?

No último estudo da Sociedade Galega de Educación Ambiental sobre a situación da Educación Ambiental en Galiza esta se caracterizaba como actividades puntuais onde se identifica exclusivamente medio ambiente con natureza, destinadas principalmente á infancia e que se asocia coa transmisión de coñecementos sobre medio ambiente ou sobre hábitos utilitaristas, como por exemplo, a separación de residuos. Isto é, unha Educación Ambiental paliativa…

Non nos enganemos: a resposta á crise ambiental á que nos enfrontamos non pode vir a través de pequenas modificacións que reparen os “pequenos desaxustes” do modelo actual de desenvolvemento. Máis aínda, a promoción de iniciativas e actividades nesta liña pode erixirse, non só como unha forma de perpetuar o modelo socioeconómico imperante, senón como un perigoso velo que nos achegue a unha maior velocidade ao colapso socioambiental sen que nos poidamos ou queiramos decatar.

En contraposición, en Verdegaia defendemos unha Educación Ambiental ecoloxista que, como práctica social crítica impulse unha Participación Real e capacite para a transformación social como resposta á crise ambiental. Unha Educación Ambiental que permita mudar os lentes cos que vemos o mundo para realizar unha fonda revisión que permita indagar por onde deben cambiar os procesos económicos e sociais para ser
compatibles cos ciclos naturais.

Autor Miguel Pardellas Santiago, socio de Verdegaia

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *