Fóra dos círculos que rodean á educación non é moi coñecido o preámbulo da lei, impulsada polo tristemente famoso ministro Wert: A LOMCE. Sei que o preámbulo é só unha declaración de intencións, non é a lei mesma, pero léndoo podemos imaxinar a cor do que virá despois:
“E para aforrar por que non se elimina dunha vez a Relixión? Para cando o ensino laico? Cantos millóns supón pagarlle a un profesorado, colocado polo bispado e sen oposición”
Primeiro parágrafo do Anteproxecto da LOMCE (2021):
“A educación é o motor que promove a competitividade da economía e as cotas de prosperidade dun país, o seu nivel educativo determina a súa capacidade de competir con éxito na area internacional e de afrontar os desafíos que se presenten nun futuro. Mellorar o nivel dos cidadáns no ámbito educativo supón abrirlles as portas a postos de traballo de alta cualificación, o que presenta unha aposta polo crecemento económico e por conseguir vantaxes competitivas no mercado global.”
En tan pouco espazo deixa translucir a ideoloxía que a promove: educar para servir aos mercados de traballadores, cualificados ou non pero baratos e consumidores dóciles, nunha competencia global.
O sistema educativo tense que renovar pero no sentido contrario ao que se pretende, co obxectivo de educar para a convivencia, a cooperación social e o desenvolvemento libre das capacidades, o respecto ao colectivo, e ás diferenzas individuais, que faga real a integración. Haberá que ir pensando nun sistema máis libre de educación e cuestionar a
obrigatoriedade sen opcións, que leva precisamente ao fracaso. Pola contra, a pretendida lei fai que o sistema se endureza aínda máis na competición, subliñando o academicismo, a instrución e a selección.
E para aforrar por que non se elimina dunha vez a Relixión? Para cando o ensino laico? Cantos millóns supón pagarlle a un profesorado, colocado polo bispado e sen oposición que está a traballar no ensino público, ou prolongar o horario lectivo en dúas horas semanais para esta “materia”? En troques pretenden aforrar en libros , comedores, profesorado…
Autora Ánxeles B.F., nai, profe, ex-alumna.