Editorial (Xullo).

portada16A sociedade global actual ten no consumo unha das súas principais razóns de ser. Vivimos nun mundo no que a sobreprodución, a desinformación, a represión e o consumo son os alicerces centrais dun edificio conformado polas principais potencias económicas mundiais. Un edificio asentado sobre 3.500 millóns de persoas que viven por debaixo do albor da pobreza e sobre unha explotación dos recursos naturais completamente irracional e desmesurada.

En moito, o transporte e a mobilidade son quen constitúen os fíos dese proceso denominado globalización que tece unha rede infinita na que todo o existente é susceptible de mercarse e venderse. A mobilidade e o transporte permiten soster que as persoas traballadoras vivan lonxe das fábricas e as consumidoras lonxe das grandes superficies comerciais, son quen axudan a que os bens percorran millóns de quilómetros cada día e quen, ao tempo, facilitan o desprazamento de millóns de persoas a diferentes puntos do planeta.

Así, na segunda metade do s. XX, a globalización implicou o inicio dun forte proceso de urbanización da sociedade que acabou por descontrolarse dende finais dos 70 e que trouxo consigo un modelo de transporte baseado no coche e nun alto consumo de combustibles fósiles.

Fronte a isto abrollan con forza unha fonda sensibilidade cos problemas ambientais e coas novas relacións laborais e sociais. Así pois xorden novos xeitos de entender a relación co medio urbano e con como construílo. Fronte ao hiperdesarrollismo xorden os sistemas de mobilidade apoiados no uso da bicicleta e o fomento do transporte público, nun deseño racional e sostible das áreas urbanas, no tratamento e na integración dos diferentes modos de transporte como un todo, etc.

Deste xeito, dende o último cuarto do s. XX, xorden cada vez máis tipos de loita que buscan reapropiarse do espazo e dos servizos públicos. Son novos xeitos de organización que buscan abrir liñas e espazos de racionalización e sustentabilidade a través de novos xeitos de actuación e de enfoque,  e que hoxe se traducen en iniciativas e organización colectiva para recuperar servizos e espazos que se sente que foron arrebatados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *