Que son o transporte e a mobilidade?

O transporte é unha actividade das sociedades humanas, pola cal bens e persoas son trasladadas dun lugar a outro. O termo transporte ten un cariz económico e de gran escala; así o termo é habitualmente adxectivado polo sector económico no que se integra (transporte público, de mercancías, de gando,…) ou tamén pola natureza dos medios (transporte marítimo, aéreo,…) constituídos socialmente para tal fin (polo estado, as empresas,…).

En troques a mobilidade refírese ao desprazamento que fan as persoas, tanto por aqueles medios constituídos socialmente como polos seus propios (a pé, en bicicleta,…), tanto por razóns económicas como por calquera outra. O termo mobilidade ten un cariz máis ben social e cultural; e así, é adxectivado polo contexto ou problemática social no que está inserido (fálase da mobilidade urbana, das persoas maiores, dos escolares, no rural, sostible…).

faulkner2William Faulkner
“Unha paisaxe conquístase coas solas do zapato, non coas rodas do automóbil”.

O transporte e a mobilidade na sociedade actual.

Ao longo do s. XX o modelo de sociedade urbana occidental espallouse dun xeito desproporcionado por todo o planeta. En 1960 case o 33% da poboación mundial vivía en cidades; as Nacións Unidas calculan que para 2030 acugularán o 61% da poboación mundial

“As grandes cidades advocan á poboación a unha mobilidade con grandes custos económicos, medioambientais e de tempo”.

As grandes cidades actuais dependen dun sistema de transporte global (baseado maiormente no petróleo) que as interconectan entre si, coas zonas de produción e extracción e coas de deposición ou tratamento de residuos. O urbanismo e o modo de vida nestas grandes cidades, no cal o automóbil é o medio hexemónico, obrigan á poboación a unha mobilidade de grandes distancias, con grandes custos económicos, medioambientais e de tempo.

Ademais, actualmente boa parte dos medios de transporte implantados dende o público están sendo privatizados.

Problemas do sistema actual.

Transporte baseado no petroleo:

  • A escala global, o transporte terrestre representa o 9% das emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI). Só os coches particulares son responsables do 12% das emisións europeas. En Europa, o transporte é o único sector que aumentou as súas emisións de GEI dende 1990 (+26%). O quecemento do planeta provoca o aumento do nivel do mar, así como desertización e aumento do risco de furacáns e tornados.
  • No mundo, cada ano morren aproximadamente 2 millóns de persoas pola contaminación do aire.
  • A extracción, tratamento e transporte de combustibles fósiles implica unha altísima
    agresividade co medio e riscos letais para a poboación. Como esta sendo o “fracking” en Texas, o proxecto “Castor” no Mediterráneo ou os petroleiros nas
    costas galegas.
  • Nos 200 últimos anos a chuvia fíxose 100 veces máis aceda.

“O 80% da contaminación acústica provén de vehículos con motor a explosión”

  • Case o 80% da contaminación acústica das cidades provén da circulación de vehículos con motor de explosión. Unha cuarta parte da poboación vive por riba dos niveis recomendados pola OMS.

Privatización do transportes público:

  • A introdución da razón mercantil (que a empresa obteña beneficios) obriga a elevar os prezos dos servizos de transporte e a centrarse nos servizos máis rendibles. Isto dificulta o acceso universal ao transporte colectivo, excluíndo a unha parte da poboación (se non tes acceso ao colectivo ou non podes pagalo non podes ir a traballar, ás zonas de lecer,…)
  • Prodúcese unha división empresarial dos servizos de transporte, que pode supor fallas de coordinación e colaboración que provocan ineficiencia como duplicación de traxectos, que non existan os transbordos entre medios de distintas empresas, ou fallas de seguridade.
  • A subvención estatal ao automóbil (construción de estradas; subvencións, rescates e execcións fiscais asempresas do automóbil e as das autoestradas,..) está desviando recursos que poderían adicarse ós transportes colectivos.

Solucións para unha mobilidade sostible.

  • Vertebración dun transporte integral no que todos os medios de transporte estean coordinados. Favorecendo a intermodalidade (transbordos, permitir a bicicleta nos colectivos,…), e o uso de coches compartidos. Tamén debe incluírse nesta vertebración ás zonas rurais, de tal xeito que a súa poboación teña unha alternativa ao coche.
  • Planificación e deseño urbanístico sostible, lóxico e funcional. Nas cidades débese regular o uso responsable dos vehículos e favorecer os modos non motorizados, así como a proximidade dos servizos e das zonas de traballo, residencia e lecer. Mellorando así a calidade do tránsito e estar das persoas no noso espazo público .
  • Fiscalidade favorable.  O transporte público, a bicicleta e o automóbil compartido deben gozar de deducións fiscais.
  • Abandono do avión en prol dos ferrocarrís. Unha boa estruturación do sistema ferroviario e o axuste dos prezos aumentaría o seu o uso. Debería acabarse coas subvencións públicas ás liñas aéreas, a expansión da rede de aeroportos e taxar o combustible do transporte aéreo no mesmo nivel que o convencional.

transporte_lauFoto: Lau

E tí… que podes facer?

Mide a túa pegada ecolóxica e das persoas que te rodean. Fai por que os teus desprazamentos se fagan de xeito sostible.

Autoría ECOAR)))

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *