Habitualmente, destacamos as vantaxes dos medios de transporte máis sostibles no medio urbano como a bicicleta ou o transporte colectivo pero tamén é interesante analizar a súa competitividade nos desprazamentos interurbanos.
Hai casos nos que o coche presenta claras vantaxes, como cando nos desprazamos a lugares remotos ou transportamos cargas demasiado pesadas, pero tamén é certo que moitos outros desprazamentos son perfectamente viábeis se empregamos medios dos que moitas veces desprezamos o seu potencial. Vexamos o caso concreto dun desprazamento moi común entre a poboación do Morrazo: Povisa (Vigo) – Porta do Sol – Cangas.
Coincidindo coa Semana europea da mobilidade, Verdegaia realizou, nunha solleira tarde dun mércores, unha comparativa interurbana de medios de transporte que permitiu analizar diversas variables segundo o medio utilizado: coche, bus, andar+barco ou bici+barco.
Unha rápida análise da táboa permite concluír que:
- A pesar das constantes medidas promotoras do que é obxecto (investimento en vías de alta capacidade ou eliminación da peaxe en Rande), o automóbil non conseguiu rematar o traxecto en primeiro lugar. Emitiu máis gases á atmosfera, xerou máis ruído e necesitou 68 minutos fronte aos 51 da intermodalidade barco+bici.
- A ausencia de medidas incentivadoras da intermodalidade ficou patente no cobro polo transporte da bici no barco, retirando competitividade a este modo de transporte.
- A inexistencia dun transporte metropolitano levou a que a combinación de bus urbano co bus interurbano fose a máis cara (ter que mercar dous billetes) e a máis lenta (falta de coordinación entre ambas concesionarias).
- O desprazamento a pé+barco foi o máis barato, o máis san xunto coa bici e tardouse practicamente o mesmo có desprazamento en coche.
“Nada se fixo para evitar que o billete de barco subise máis do 20% dende 2009”
A ría de Vigo ofrece enormes posibilidades aos que vivimos na súa bisbarra. En materia
de mobilidade permítenos aproveitar un medio de transporte pouco común e que organizado racionalmente ofrece enormes vantaxes sobre o caduco modelo centrado no coche/moto. Terá sentido seguir destinando o erario público a subvencionar a peaxe de Rande ou a (mal)gastar 60 millóns no desdobramento do corredor do Morrazo, cando simultaneamente nada se fai para evitar que o billete de barco subise máis do 20% dende 2009?
Autoría Verdegaia.