Editorial ( Abril).

Con estas liñas nace A Boia, revista de Contracultura dende a Ría. A Boia pretende converterse nun altofalante de cada unha das voces e olladas que flotan na Ría de Vigo e a súa contorna, e que nos protexen desa enorme marea negra que o contamina todo: o capitalismo.

A Boia quere ser un punto dende o que conectar a Ría de Vigo co resto do mundo; dende o que construír e confluír; dende o que activarse e informarse; pero sobre todo, dende o que crear vías alternativas para xerar unha nova sociedade e unha nova cultura entendidas dende a pluralidade, a diversidade e o dinamismo das persoas, os pobos e as sociedades. Ainda máis A Boia nace como unha iniciativa do proxecto ECOAR))), plataforma que busca dotar á cidadanía dun espazo de expresión, coordinación e construción de alternativas e respostas fronte a realidade que nos rodea. De seguro que non é casualidade que sexa agora cando este proxecto sae á luz.

As crises necesitan respostas, e o sistema actual amosa día a día a súa ineficacia e virulencia inherentes. Así pois aos problemas da economía, dos recortes, das violacións de dereitos e liberdades, súmase de forma cada vez máis forte o da corrupción. A corrupción é un mal propio do capitalismo, pois este baséase en que as poucas persoas que ocupan o poder enriquécense apropiándose do que é de todas. Ningunha institución actual (xustiza, cámaras, forzas de seguridade, monarquía, igrexa, partidos, empresas, banca, medios de comunicación,…) sálvase deste mal.

Por isto neste primeiro número denunciamos este problema. Un sistema en crise coma o que estamos a sufrir crea un baleiro que a poboación necesita encher. Cada un e cada unha de nós somos responsables do que sucede. Así que cómpren ferramentas para expresar e compartir as ideas así como para poder construír alternativas e respostas que muden a situación actual. Por isto, tanto a través de ECOAR como da Boia, búscase abrir canles para que cada persoa e colectivo achegue ao resto as súas ideas e propostas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *