O que queda de Palestina hoxe son os territorios de Cisxordania (6.220 km2) e Gaza (365 km2). Nos mapas que se achegan vemos como foi sendo ocupada militarmente por Israel en diferentes etapas, invadido pola forza, contra todas as resolucións da ONU e demais organismos internacionais de xustiza.
Como nun campo de concentración o muro ilegal que Israel comezou a construír no 2002 déixaa pechada á poboación. Nalgúns puntos, este muro de formigón acada os sete metros de altura, cando estea finalizado chegará case aos 750 km de lonxitude.
Por outra banda están os asentamentos, tamén ilegais, de colonos xudeus. Para comunicar entre si estas colonias, o estado israelí constrúe 14.000 quilómetros de estradas en Cisxordania, illando entre si ás poboacións palestinas, que non poden circular libremente por elas. A isto súmase o bloqueo económico e de circulación imposto.
É dicir, que por riba de facer moi difícil a vida diaria, confíscanlle as terras e a auga potable ao pobo palestino.
“Para ir completando o xenocidio, cada tanto tempo Israel leva a cabo ‘opercións‘ militares. A última matou a 1.865 palestinos”
Para ir completando o xenocidio, cada tanto tempo Israel leva a cabo “operacións” militares. No 2008 “Chumbo fundido”, contra a Franxa de Gaza, causando máis de 1.400 civís palestinos mortos. No 2012 lanza unha ofensiva militar denominada “Pilar de Defensa” tamén sobre Gaza co obxectivo declarado de decimar ao goberno de Hamás. Tras case un mes de ataques aéreos o saldo foi de 155 palestinos e 5 israelís mortos.
O último ataque sobre Gaza, denominado “Marxe protector”, tivo como consecuencia, de momento, 1.865 palestinos mortos e 9.400 feridos en Gaza, maiormente civís, entre eles máis de 400 son nenos e nenas. As bombas caen indiscriminadamente sobre escolas e hospitais. 60.000 persoas non teñen onde agocharse. Isto é, un campo de exterminio. Pola banda de Israel hai 67 mortos, 64 dos cales son soldados.
A desigualdade de medios militares, de riqueza e desenvolvemento económico entre as dúas partes é cada vez máis grande. Hai un país que gaña sempre, que invade territorios e hai outro que intenta defenderse cos poucos medios dos que dispón, e ao que se lle está a desposuír de todo. Polo tanto é difícil non poñerse do lado Palestino.
O motivo co que Israel escusa estas operacións é a súa defensa contra Hamás, considerado grupo terrorista por EEUU, Israel, Europa e algúns países máis. Pero a lista de cambios e reformas ligada a Hamás gañou as eleccións xerais palestinas no 2006. Dende entón o goberno de Hamás en Gaza está baixo o bloqueo de Israel.
“Cales son os criterios para considerar terrorista a Hamás? O que mata máis civís e o estado de Israel, non debería ser este o calificado como terrorista?”
Cales son os criterios para considerar terrorista a Hamás? Que pretende unha defensa armada? Se ao longo de tantos anos o bando que produce máis vítimas humanas civís, o que ocupa territorios ilegalmente, o que bloquea e intenta asfixiar a un pobo para quedarse cos territorios é Israel, por que non se fala de Terrorismo de Estado neste caso?
No ano 2012 a ONU recoñece o dereito do pobo palestino a establecer un estado propio, coas fronteiras de 1967. Votaron en contra Israel e Estados Unidos, xunto con Canadá, República Checa, Panamá, Nauru, Palau, Micronesia e as Illas Marshall, pero os votos a favor foron de 132 nacións. Aínda que é interesante sinalar a abstención de Alemaña e Reino Unido, xunto con outros países do Báltico. Isto supuxo un bo contratempo para Israel. E recentemente, neste ano, os grupos de Hamás e Al Fatah acordaron por fin un goberno de unidade para Palestina. Isto supón outro golpe máis.
É neste momento cando se inicia a última ofensiva. Resulta un tanto estraño que sexa Hamás quen a comece. É fácil deducir a quen beneficia.
Como reacción, as xentes de moitos países manifestámonos nas rúas, saímos a cada asalto en defensa do pobo palestino, canalizando neses actos a nosa impotencia e tristeza. O sistema bríndanos este dereito a desafogar, pacífica e organizadamente.
Creo que a nosa mobilización debería ir en contra dos nosos propios gobernos. Presionándoos de xeito continuo para que a lexislación e os tratados internacionais que asinaron se cumpran. E, ao mesmo tempo, que presionen a Israel con medidas de boicot comercial, financeiro, institucional, intelectual…
Nestes días vemos que a UE endurece as sancións contra Moscú polo seu papel no conflito de Ucraína, despois do derrubamento do avión de Malaysia Airlines, impoñendo medidas contundentes ao seu sector financeiro, enerxético e militar.
Por que non hai unha resposta semellante, con moitas máis razóns, contra o Estado de Israel?
Pódese asinar para pedir a EE.UU deixe de vender armas a Isarel en:
https://www.es.amnesty.org/actua/acciones/eeuu-dejar-armar-israel-jul14/
Ánxeles B.F.