Defender a cultura propia é loitar pola soberanía popular.

Soberanía popularConcerto na rúa en Holguín, Cuba
Foto: Jose Pablo Porras Monge

Cada persoa está vinculada ao seu entorno de diferentes formas, aínda que se cadra a cultura é un dos lazos mais visíbeis.

Os costumes e a lingua poden ser os factores diferenciais máis destacados á hora de definir unha determinada cultura. Pero, pódese dicir que unha cultura é mellor ca outra? Non, xa que cada unha é diferente e incomparable ao resto.

Igual que non se poden comparar dúas persoas dado que o seu contorno, experiencias e coñecementos son diferentes, coas culturas dos diferentes pobos pasa o mesmo. Cada unha foi evolucionando e adquirindo determinadas características propias, do máis simple ao máis complexo.

Este proceso de enriquecemento foi grazas á posta en contacto dos diferentes pobos e culturas, non na substitución dunha cultura por outra, senón no intercambio mutuo de costumes, de coñecementos e de prácticas. E só con este equilibrio entre conservación e intercambio como un pobo pode progresar a nivel cultural.

“A imposición cultural crea un cancro nas sociedades xa que ao desfacerse o equilibrio do intercambio xerase odio e autoritarismo”

Na actualidade ao igual ca no pasado, hai determinados pobos que están a sufrir unha imposición cultural. Isto como xa dixen antes, no canto de favorecer o enriquecemento de ambas comunidades o que fai é crear un cancro en ambas as dúas sociedades ao desfacerse o equilibrio e xerar odio e autoritarismos por ambas partes.

Nestes casos o pobo non debe caer nos discursos que apelan a considerar os seus costumes, lingua ou calquera outra característica como a superior ou mellor ca ocupante ou ocupada. Isto só consegue crear rexímenes autoritarios e intolerantes. O que se debe facer é defender a existencia da propia cultura libre de imposicións, o libre intercambio e o libre dereito a decidir, é dicir, defender a soberanía do propio pobo, a soberanía popular.

Pero, que é a soberanía popular? A risco de trabucarme diría que a libre capacidade do pobo a decidir. E cando digo decidir refírome a decidir, non a elixir quen decidirá por el. A soberanía popular non é votar e elixir unha ou varias persoas dentro dun determinado pobo para que esas persoas sustenten a liberdade do “pobo”, xa que ese “pobo” estaría conformado por eles mesmos e non polo conxunto de persoas co que comparte lazos culturais.

Con outras palabras, a soberanía dun pobo reside na liberdade individual de cada
persoa, e non nunha suposta liberdade colectiva de actuación.

 

Autoría Fou

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *