Danza uruguaia nas rúas de Vigo
Foto: Septem Trionis
A interculturalidade no espazo urbano é aquela situación comunicativa e inclusiva, derivada da interacción entre persoas e grupos sociais que comparten unha cidade, onde non se consente que unha comunidade cultural estea por riba doutra, favorecendo en todo momento a cooperación e convivencia harmónica. Neste xeito de entender as relacións interculturais establécese un vínculo baseado na tolerancia, o respecto á diversidade e o beneficio mutuo. Porén, non é un proceso exento de conflitos, e estes poden resolverse mediante o respecto, a xeración de contextos de horizontalidade para a comunicación, o diálogo e a escoita recíproca, o acceso equitativo e oportuno á información, a procura da concertación, a interlocución e a sinerxía.
Non hai culturas mellores nin peores. Cada cultura pode ter maneiras de pensar, sentir e actuar nas que determinados grupos se atopen nunha situación de discriminación, pero se aceptamos que non hai unha xerarquía entre as culturas estaremos postulando o principio ético que considera que todas as culturas son igualmente dignas e merecedoras de respecto. Isto significa que o único xeito de comprender correctamente as culturas é interpretar as súas manifestacións de acordo cos seus propios criterios culturais. Aínda que isto non debe supor eliminar o noso xuízo crítico, si que supón inicialmente deixalo en suspenso até que non entendamos a complexidade simbólica das prácticas culturais.
Vigo é o municipio galego con maior presenza de inmigrantes, máis de 17.000 persoas; dos cales ao redor do 60% proceden de países sudamericanos. A presenza en Vigo de persoas de distintas orixes, supón que medre a diversidade cultural, pero como en todo proceso de interacción entre persoas, danse situacións de desencontro e conflito.
Lonxe de considerar o conflito un elemento negativo para o desenvolvemento das sociedades, nun espazo de multiculturalidade significativa como é Vigo, o conflito preséntase como un aspecto positivo que permite o avance da sociedade.
“O conflicto é inherente ás relacións humanas é imprescindible xestionalo de xeito
que se permita a transformación social ”
O conflito é inherente ás relacións humanas e sociais, é imprescindíbel xestionalo de xeito que se permita a transformación social e das persoas que forman parte da cidadanía de Vigo. Dende esta perspectiva resulta apropiada a implementación de servizos de desenvolvemento da convivencia intercultural.
Oscar Lomba.