O sistema industrial de produción e comercialización de alimentos caracterízase pola insustentabilidade, a oligarquía e a exportación relegando a un segundo plano a satisfacción das necesidades alimentares das poboacións locais. Centrada na obtención dun beneficio capitalista, actúa dun modo que impide a labregos e labregas acceder aos recursos necesarios para producir os alimentos básicos e reduce á mínima expresión a capacidade do consumidor de decidir que alimentos consumir.
“A soberanía alimentar presentase como unha alternativa para as persoas que queren ficar no rural dunha forma digna”
A Soberanía alimentar preséntase como unha alternativa para as persoas que deciden ficar no rural dunha forma digna, fronte a un modelo que orienta o rural ao subdesenvolvemento mediante o desmantelamento dos servizos públicos e a desaparición da cultura labrega, e que levou en 2008 a que por primeira vez a poboación urbana do planeta superara á rural.
A Soberanía alimentar promove o dereito a decidir que alimentos producir e consumir, a convicción de que se pode vivir sen devorar o planeta e de que é posible acabar coa fame e a desnutrición superando o industrialismo. Promove tamén a recuperación de modos de produción máis respectuosos coa contorna natural e social, mediante a adaptación da produción aos ciclos naturais, o respecto polas condicións de traballo e o facilitar o acceso de toda a poboación aos alimentos.
“A nosa capacidade de decidir que producimos e consumimos é cada día menor”
A Galiza, como parte da minoría global privilexiada, non padece problemas de abastecemento de alimentos para a súa poboación, pero non por iso goza de Soberanía alimentar. A nosa capacidade para decidir os alimentos que producimos e consumimos é cada vez menor, porque o noso rural esmorece; porque estamos a desertizar a nosa terra, ríos e mar; e porque dependemos do sistema industrial. Ao mesmo tempo, somos fonte de erosión da Soberanía Alimentar doutros pobos polo que só avanzando na nosa propia Soberanía Alimentar construiremos unha Galiza cun rural vivo, ecoloxicamente sustentábel, socialmente xusta e compatíbel coa dos demais pobos do mundo.
Autoría Verdegaia.