Editorial (Xuño).

Neste número denunciamos a que é a ferramenta fundamental e mellor utilizada polo capitalismo: o consumismo. É a chave para comprender o sistema actual. Todo, absolutamente todo o que move hoxe o mundo, ten que ver co consumismo de forma predominante. Pensemos nos grandes conflitos bélicos dos que, de xeito interesado, se difunde a dimensión relixiosa, independentista ou étnica (entre outras) e nunca os intereses económicos que fican deliberadamente agochados e que sempre xiran en torno a obtención de recursos ou a comercialización de produtos. E pensemos tamén en algo tan aparentemente inocente coma é ver unha serie de televisión (sobre todo as estadounidenses) onde os personaxes son expostos coma un modelo a seguir á vez que se observa que os seus hábitos son consumistas, co cal o espectador identifica éxito social con consumismo. Ou nas festividades oficiais, cuxa distribución e forma de celebración sempre ten na acción de consumir un elemento principal (regalos en Nadal, nos días da nai/pai, no día do libro…)

Todas as enerxías do sistema van encamiñadas a facer que o individuo consuma. É o natural nun modelo no que a finalidade é a obtención de beneficio económico, pois todo vai estar subordinado a isto. O consumo polo consumo é o eixo do sistema. Hai que darse de conta de que isto deixa nun segundo plano o medio ambiente, os servizos e bens públicos, o patrimonio cultural, a felicidade das persoas, os Dereitos Humanos, a saúde, a propia vida…O que o sistema procura é que todo teña un prezo de mercado, que haxa que pagar por todo e polo tanto que haxa que consumir todo.

Pero as consecuencias do consumismo van moito máis aló, pois chegan ós planos máis íntimos do individuo. A sociedade de hoxe está sometida a unha serie de influxos que a manipula para acadar o consumista perfecto. A contorna na que a persoa nace, medra e posteriormente desenvolve a súa vida está completamente inundada por un chamamento constante a consumir. Mesmo chega a demandarse que outro individuo sexa consumista para que poida ser considerado apto na sociedade (a vida dos ricos é o modelo a seguir).
Todo isto se acada mediante unha rede de supostos, de mentiras interesadas e costumes impostas. É preciso loitar contra o consumismo para acadar un sistema máis xusto e saudable para a humanidade. Non é posible que a obtención dun ben ou dun servizo signifique a marxinación dun individuo ou dun colectivo, ou que unha persoa chegue a sufrir patoloxías (ansiedade, depresión…) se non ten a súa dose de consumo habitual.

O consumo non pode ser xamais un fin por si mesmo. O sistema busca xusto o contrario, que sexa unha necesidade; tal é a súa natureza. A conclusión sobre o que hai que facer co sistema actual é ben obvia.

Autor Revista A Boia.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *