Editorial (Xullo).

Este mes de xuño chegaba a noticia dende a FAPA de Castelló de nenos buscando comida no lixo do seu colexio. Incluso os propios mestres levaban, por iniciativa propia, alimentos para paliar a fame dos cativos con menos recursos.

Non se trata de un caso illado, e todos sabemos que a situación estase a agravar. Resulta evidente que a política austericida dos dous últimos gobernos do estado, destinadas a pagar a débeda xerada polos rescates bancarios e os seus intereses, está na causa inmediata da fame que está a pasar unha parte da poboación, que está a encher os comedores sociais e que xa inclúe a cativos nos colexio públicos, sen contar con todas as persoas que son empuxadas a buscar sustento no lixo das cidades. Pero os recortes que levan ao empobrecemento masivo das clases populares non son a única causa, senón que temos que sinalar tamén a forma de
produción e distribución dos alimentos.

No estado español unhas poucas empresas controlan a distribución e os prezos dos alimentos e produtos básicos. Multinacionais coma Carrefour, El Corte Inglés, Auchan, Lidl ou Mercadona, ademais de decidir canto pagan aos produtores polo froito do seu traballo grazas a súa posición de privilexio, ademais de ofertar postos de traballo precarios e cada vez en peor condicións, controlan os prezos que temos que pagar polos alimentos e demais produtos básicos. Por iso, ademais de opoñernos ao pago dunha débeda inxusta, debemos de por fin ao control dun sector estratéxico para nos como é a alimentación, mediante a creación de formas alternativas de distribución dos produtos básicos, pero tamén, para evitar o estrangulamento das iniciativas dende abaixo por parte do sistema, é preciso lograr o control social das grandes distribuidoras, destruíndo así a súa posición de monopolio. A alimentación é demasiado importante como para deixala en mans da cobiza dos “mercados” e os seus instrumentos de dominación.

Autor Revista A Boia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *