Industria encargada da elaboración, transformación, preparación, conservación e envasado dos alimentos de consumo humano e animal.
Cales son as cifras globais actuais sobre a producción de alimentos?
Dende os anos 60, coa chamada Revolución Verde, a produción de alimentos multiplicouse por tres, mentres que a poboación mundial duplicouse. Segundo este patrón supoiamos que a fame no mundo debería de ter sido superada fai tempo. Pero o certo é que, neste momento, producimos alimento para 12 mil millóns de persoas; pero mil millóns, dos 7 mil que habitan o planeta, pasan fame.
Por que se produce a fame?
A condena á fame de mil millóns de persoas ten que ver, directamente, coa taxa de beneficio do gran capital e as políticas que os estados e as institucións do capitalismo global desenvolven para protexela. A xente pasa fame, morre de fame, por razóns políticas.
As políticas agrícolas da UE (a PAC, que consume preto do 40% do presuposto europeo) e de EEUU están centradas na subvención á produción das multinacionais para que poidan vender baixo prezo de custo nos mercados do sur. O resultado destas medidas proteccionistas do norte son devastadoras e así, por exemplo, no maior mercado agrícola de África, o de Dakar, é máis barato mercar produtos europeos que os producidos no propio Senegal, o que condena á desaparición dos pequenos agricultores locais, cuxas terras son, nunha nova fase de colonización, adquiridas por esas mesmas multinacionais para explotalas segundo os intereses dos mercados do norte. O acaparamento das mellores terras nos países do sur dá lugar a situacións ilóxicas e homicidas, como a utilización de terras fértiles etíopes para a plantación de flores. Polo ben do capitalismo e para cumprir co desexo de prezos baixos dos consumidores do norte, unha parte importante da poboación mundial perde o dereito a comer e, incluso, a beber, pola privatización dos recursos hídricos (incluso da auga da chuvia, como ocorreu en Bolivia no ano 2.000).
No capitalismo os alimentos só teñen razón de ser coma mercancía. Polo tanto, o fin esencial da industria alimentaria non é dar de comer as persoas, senón satisfacer as necesidades do mercado de intercambio de mercancías, o que quere dicir que, destruír colleitas, tirar comida ao lixo ou, incluso, pagar por non cultivar,… forman parte da súa lóxica.
Por outro lado, o control que as multinacionais teñen sobre a produción de alimentos vai en incremento. Durante as décadas dos anos 60 e 70, os xigantes da alimentación non só conseguiron multiplicar a produción, senón que tamén avanzaron nun dos seus obxectivos estratéxicos fundamentais: a privatización das sementes. Mediante a expansión duns poucos e novos cultivos industriais (a través de fortes campañas destinadas a facer un mercado de alimentos homoxéneo) e apoiados no sistema de patentes, o capitalismo logrou arrebatar a gran parte do campesiñado a capacidade para gardar as sementes de sementeira, e dominar así completamente a produción. Hoxe en día, o mercado das sementes está monopolizado por dez empresas que controlan o 70% do mercado.
Existe outro problema relativo á industria alimentaria: as granxas industriais. O sistema de produción animal ignora de forma sistemática custes coma a degradación ambiental (o 20% dos gases de efecto invernadoiro son emitidos pola industria gandeira, máis que todo o tráfico rodado do mundo), as enfermidades humanas (o emprego masivo e descontrolado de antibibióticos para acelerar o crecemento xera resistencias das enfermidades aos medicamentos) ou o sufrimento animal. En xeral, o sistema que nos prové o alimento animal consiste en calcular ata que punto poden achegar cara á morte aos animais sen matalos. Como crialos rápidamente, como aloxalos no mínimo espazo, o máximo e mínimo que poden comer, o enfermos que poden estar sen morrer .
E ti que podes facer?
Acabar coa fame e a crueldade animal esixe democracia e xustiza nas políticas agrícolas e alimentarias e apostar por un modelo de agricultura de proximidade, no que os consumidores teñan unha participación activa (coñecer o que comemos e como se produce). Devolver a capacidade de decidir sobre a produción, a distribución e o consumo de alimentos. Por isto debemos guiarnos por un consumo responsable que se basee nunha produción alimentar que respecte e se axeite sempre á contorna natural e cultural na que se desenvolve, e no que fomentemos a protección dos dereitos das especies.
Autor Ecoar)))