Vivimos tempos históricos, de crise, de cambio profundo: vivimos unha revolución. Desgraciadamente non se trata da revolución triunfal e emancipadora que desexaríamos, a que vivimos é silente e letal, toca nos fundamentos da nosa sociedade. Quizais esteamos a vivir o fin do progreso humano tal e como foi concibido.
Proba é o que está acontecendo coas estadísticas. O resultado de certas estadísticas que viñamos cumprimentando positivamente dende fai xeracións xa non son as desexables; incluso comezan a ser intranscendentes socialmente, mesmo absurdas. Por exemplo, as estadísticas do desemprego están perdendo valor; no comezo do 2014 diminuíu a taxa de paro, pero tamén o número de persoas con emprego e as horas de traballo; co cal, e aínda que o goberno insista en sacar unha lectura positiva, a cidadanía xa non atopa estas estadísticas de fiar.
Outra estadística que se está a quebrar é a da esperanza de vida no Estado español. Entre 2010 e 2012 a esperanza de vida das mulleres estancouse nos 85’5 anos, mentres que a dos homes apenas medrou dos 79’2 aos 79’5(1) , e incluso semella, dependendo das fontes, que puido diminuír (2), algo que non acontecía dende a Guerra Civil. Estes datos agrávanse se se ten en conta outra estadística relacionada, a da “esperanza de vida en boa saúde”, que xa claramente baixou entre o 2011 e o 2012 (os homes pasaron de ter 65,4 a ter 64,7 anos de boa saúde)(3).
As causas desta quebra son múltiples, pero as principais son o aumento da pobreza e o deterioro da sanidade do Estado español. Tal e como sinala un informe de Médicos do Mundo (4), a contrarreforma sanitaria excluíu a boa parte da cidadanía. Milleiros de persoas migrantes foron expulsadas do sistema sanitario, mentres que o repago farmacéutico dificulta, ou incluso impide, o tratamento das persoas enfermas coas rendas máis baixas. Ademais os custos da privatización da sanidade pública supoñen unha perda de eficiencia do sistema: os recursos financeiros son desviados dende as cuestións sanitarias cara as empresariais, coaxudando no deterioro dos servizos de prevención e atención médica, e na diminución da investigación. Esta contrarrevolución ten graves consecuencias en todos os ámbitos, dende as persoas enfermas e a súa familia (que non só teñen que padecer senón tamén, con “sorte”, enfrontarse a un dificultoso sistema mercantil e burocratizado) ata o conxunto da humanidade, xa que estas condicións precarias e excluíntes favorecen a aparición e propagación de enfermidades e o agravamento das súas consecuencias.
Tras xeracións de loita e sufrimento, á clase traballadora xa non lle queda nin aquel consolo, antigamente proxectado polas estadísticas, de que polo menos haberá unha boa, longa e saudable xubilación. Axiña, os políticos deixarán de manexar estas e outras estadística.
Nós, entre tanto seguiremos loitando pola sanidade pública, gratuíta e de calidade.
1 Datos do Instituto Español de Estadística.
2 Según a Memoria Socieconómica e Laboral 2012 do Consello Económico e Social, entre 2011 e 2012 a esperanza de vida das mulleres pasou do 84,97 a 84,72 anos e a dos homes de 79,16 a 79,01.
3 Datos do Instituto Español de Estadística.
4 “Dous anos de reforma sanitaria: máis vidas humanas en risco”