A medicalización da vida.

“É unha característica desta sociedade que a xente desexe ser ensinada, movida, tratada ou guiada en lugar de aprender, curar e atopar o seu propio camiño”. I. Illich

Medicalización

Non hai dúbida do valor dos grandes adiantos na mediciña, que salvan moitas vidas. Pero…

A “medicalización” da vida, nas sociedades que chaman “desenvolvidas” é tan excesiva e industrializada que nos afasta de nós mesmas dende o nacemento, xeralmente nun hospital, até a morte, no mesmo sitio.

A enfermidade como desarranxo que equilibra, e moitas veces como proceso que se resolve por si mesmo unha vez escoitado o corpo e tralo tempo preciso, é tratada e capitalizada polo sistema, resolta artificiosamente, moitas veces sen necesidade, con mediciñas que encobren a doenza e anulan a propia capacidade de curación.

O meu corpo é meu. Decidín parir na casa. O sistema négame a opción. Os médicos aos que acudín para levar cun mínimo de control os meus embarazos, desbotando probas que eu consideraba innecesarias, chegaron ao insulto persoal, a acusarme de ignorancia, irresponsabilidade e máis…, pero seguín adiante. Foron partos felices, rodeados da familia, sen artificios nen presas. Moi diferentes aos que me contaron outras nais que pariron no hospital. As máis por cesárea.

“As estratexias médicas fracasan porque concentran demasiados esforzos na enfermidade e moi escasos en cambiar o ambiente que enferma á xente”

Iván Illich, no seu libro Némesis médica, escribe: “A medicalización da vida non é senón un só aspecto do dominio destrutor da industria sobre a nosa sociedade… as estratexias médicas fracasan porque concentran demasiados esforzos na enfermidade e moi escasos en cambiar o ambiente que enferma á xente”.

Gástanse millóns de euros na investigación de curas para os grandes males. Pola contra non se vai á procura da súa orixe. A prevención falséase por interese do propio sistema. A contaminación da auga, dos alimentos e do aire que respiramos, o moderno stres e a educación da sociedade no medo. A capitalización do noso tempo, sempre no urxente, na mecanización, na plastificación do noso mundo, o individualismo, a competitividade…

A sanidade ampara ademáis o gran negocio da industria farmacéutica: medicamentos que se receitan a toneladas para unha sociedade enferma e dependente, física e mentalmente. O Ministerio de Sanide confirma que o número de persoas en España que toman ansiolíticos ou antidepresivos pasou do 5,1% no 2005 ao 11,4 % no 2011. A OCU sinala que no 2013 son xa o 29% da poboación.

Ánxeles B. F.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *