Estes días lemos na prensa do sistema que o proxecto de especulación urbanística no chamado “Barrio do Cura” é de inminente realización. Aprobados todos os requerimentos administrativos, o proxecto só depende dunha achega de capital por parte dun/s magnate/s ruso/s indeterminado/s.Sería esta a consecución dun golpe urbanístico artellado dende fai 15 anos por un singular grupo de especuladores: a “Congregación de Hermanitas de los Ancianos Desamparados”, o Concello de Vigo (gobernos do BNG, PP e PSOE), exfubolistas do Celta (Valery Karpin e Michel Salgado), a Banca (Santander, ING e BBVA), promotores inmobiliarios galegos e ese/s misterioso/s magnate/s ruso/s de non se sabe que actividade/s.
A estratexia do sistema é ben clara. Por unha parte “A operación no Barrio do Cura“ é presentada dun xeito moi favorable á opinión pública “(xa que) vai moito máis alá da construcción de 350 viviendas, xa que inclúe unha nova ordenación de todo o ámbito, a ampliación da superficie do Paseo de Alfonso ata duplicalo, e a creación de parques e prazas, ademáis dun vial que conectará Elduayen con Torrecedeira (…) e un centro comercial de 12.000 m2 que tamén se extende baixo a praza pública de 5.000 m2” (1); mentres que se manten á cidadanía desinformada sobre do que houbo e ainda hai na parte sur do Casco Vello.
Así, os medios do sistema nunca falan dos múltiples procesos (legais, ilegais e alegais) de enaxenación, limitación, destrucción, deterioro e abandono dos diferente tipo de propiedade pública e bens e servizos comúns que hai na “Área de Planeamento Remitido Barrio do Cura”(APRBC)(2).
“É evidente que o proxecto de Karpin implica unha fonda alteración do conxunto histórico do Casco Vello. Estase a infrinxir a lei de Patrimonio Cultural ”
Atentado contra o Patrimonio Cultural galego. A maior parte da APRBC pertence ao Ben de Interese Cultural (BIC) “Conxunto histórico-artístico do Casco Vello de Vigo”. Por moito que diga a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, é evidente que a consecución do proxecto de Karpin significaría unha fonda alteración e destrucción da “estructura urbana e arquitectónica do conxunto histórico e as características xerais do ambiente e da silueta paisaxística”(3) , desta parte sustancial do BIC Casco Vello.
- As pervivencias da antiga horta e bosque do Convento de San Francisco do Berbés (orixinados na Idade Media), desapareceran, xalonados polas novas edificacións e a estrada.
- O mesmo edificio do Convento (do s. XVII, un dos edifícios máis antigos de Vigo) verase asoballado polas novas construccións. Ate incluso vaise erixir un edificio de 4 plantas no seu patio traseiro.
- O lavadoiro da Barroca (o único do Casco Vello e de todo o centro de Vigo) verase fondamente perturbado pola estrada que pasará a súa mesmiña beira.
- A totalidade da barriada de Santa Marta, as casas vilegas do extremo sur de Poboadores e boa parte do Barrio do Cura (do s. XIX) desaparecerán.
- A rúa Poboadores (orixinaria do s. V) verá altamente alterada a súa vida polo transíto de coches que traerá o vial Torrecedeira-Elduayen.
Merma das equipacións urbanas:
- Desmantelamento do “Asilo dos ancianos desemparados”. O convenio asinado entre Concello e as “Hermanitas” recalificou a parcela de 2.968 m2 do Asilo de anciáns, pasando de ser “equipamento urbano” a ter un “aproveitamento lucrativo”.
- A “Casa da Caridade de Vigo” perderá a cuarta parte da superficie da súa infraestructura. Trala demolición de parte do edificio e a totalidade do seu patio, farase un novo parque de propiedade privada e un edificio de 4 plantas.
- A “Residencia de estudiantes San Francisco de Asís”, perderá o seu xardín de 1.075 m2 para a construcción de dous edificios de 5 plantas e un patio de uso e propiedade privada.
Permutas enganosas da propiedade pública. Os especuladores fachandean de que na APRBC haberá máis 5.000 m2 de espazos públicos; certo é, pero tamén hai que sinalar que 2.262 m2 xa eran de propiedade pública anteriormente. Por exemplo no Convenio do Asilo, inclúese a cesión á propiedade privada de 255 m2 da propiedade municipal correspondentes ao parque que está baixo o Paseo de Alfonso XII. Ese espazo elevarase ata a cota do Paseo. Os promotores poderán adicalo volume baixo a praza a aparcamento. Este novo “espazo libre de uso público”, ainda que de propiedade privada, será un magnífico “mirador” ao edificio de 4 plantas que está previsto erixir enfrente.
“Perderánse 8.000 m2 de zona verde no centro de Vigo”
Destrucción de bens naturais:
- O proxecto de Karpin significará a perda duns 8.000 m2 de zona verde no que se atopan especies vexetais como nogeiras, loureiros, pesegueiros,… e é hábitat de gatos, paxaros, abellas e outros invertebrados. Este espazo tamén é aproveitado como terra de labranza por diferentes persoas e colectivos
- As novas construccións afectarán ao solo e subsolo, co cal é previsible que o acuifero que nutre o lavadoiro de Poboadores e fonte da Barroca desapareza para sempre.
- A apertura do novo vial supondrá que a Oliveira de Vigo, verase rodeada e abafada por ainda máis tráfico.
1Pastoriza, J. “Patrimonio da el permiso final al plan del Barrio do Cura y el Concello lo aprobará en dos semanas”; Faro de Vigo 20-4-14.
2 Toda a información aqui exposta basease no Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Casco Vello de Vigo, aprobación definitiva, decembro 2006.
3 Art. 46.2 da Lei 8/1995, do Patrimonio Cultural de Galicia. A infracción está sancionada con ata 600.000 euros .
Uxío Reinoso Maset
.