No comedor do colexio CEIP Souto Donas de Gondomar (Pontevedra), a empresa de catering “Ruta Jacobea” serve a comida ó alumnado directamente sobre bandexas de plástico con cinco compartimentos. Isto implica un risco totalmente innecesario para a saúde dos nenos, como explicamos a continuación.
En febreiro de 2013 deuse a coñecer un informe do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) e da Organización Mundial da Saúde (OMS) que alerta de que moitas substancias químicas sintéticas (a maioría procedente dos plásticos) poderían ter importantes repercusións sobre a nosa saúde. O informe “State of the Science of Endocrine Disrupting Chemicals 2012 – Summary for Decision-Makers” analizou o estado actual dos coñecementos científicos sobre este tipo de substancias que perturban a función endocrina, e recoñece que os efectos sobre o noso sistema hormonal aínda son moi pouco coñecidos. O documento completo (289 páxs.) e a súa versión resumida (38) poden lerse e descargarse en inglés en formato PDF desde a web oficial da OMS(1).
“Os plásticos son ‘disruptores endocrinos‘, e provocan enfermidades como o cancro, infertilidade, pubertade precoz, obesidade, diabetes, autismo, Parkinson,…”
Estas substancias denominadas “disruptores endocrinos” presentes nos plásticos e noutras produtos industriais foron relacionados en diversas investigacións científicas cos seguintes problemas de saúde: cancro de mama, próstata, testículos e tiroides; infertilidade; pubertade precoz; diminución da calidade do seme; obesidade; diabetes; problemas cardiovasculares; perturbacións do desenvolvemento neurolóxico; alteracións da conduta como o trastorno de déficit de atención e hiperactividade, o autismo, etc.; enfermidades neurodexenerativas como o Parkinson (Tabla adxunta).
Ante esta información procedente dunha autoridade como a OMS, César —doutor en bioloxía e pai dunha nena que vai a este colexio— decidiu escribirlles ao director do colexio, á ANPA, ao xerente da empresa de catering e ao alcalde de Gondomar, xa que a xestión do comedor escolar depende do Concello. Na súa carta César pedía que, ante esta inseguridade para os nenos e nenas, se aplicase o principio de precaución e cambiasen as bandexas do comedor pola tradicional louza, baseándose en que os plásticos en contacto coas comidas, debido á temperatura e diferentes sustancias contidas na propia comida e ao desgaste inherente ao seu uso, están a liberar con toda probabilidade pequenas cantidades destas perigosas substancias e mesmo fragmentos de plástico que son inxeridos inadvertidamente polos pequenos, implicando un perigo para a súa saúde debido á súa acumulación no organismo.
“O concello e empresa responsable negáronse a cambiar as bandexas, din que ‘cumpren todos os requisitos de sanidade‘. Pero tamén o DDT e o amianto o foron”
A partir de aí, un grupo de nais e pais preocupados comezamos a reunirnos e instamos a que a empresa e o concello nos desen unha resposta. Eles negáronse a cambiar as bandexas de plástico porque segundo nos din “cumpren todos os requisitos de sanidade”. Isto é certo, pero tamén o é que no seu día tamén o DDT era legal, ou o mesmo plástico policarbonato prohibido en 2011 nos biberóns dos bebés ou como o era o lindano, o amianto, a ptalidomida, o bromato de potasio, o flufenoxurón e unha lista que continúa ano tras ano a medrar, de aditivos e praguicidas que foron sendo retirados e prohibidos a medida que se vía que ocasionaban problemas innegables para a nosa saúde. Nós propuxémoslles diversas opcións para substituír as bandexas con todas as garantías de sanidade e seguridade, mesmo correndo nós co gasto, pero seguen negándose en redondo.
Polo tanto decidimos facer presión publicamente, mediante os medios de comunicación, as redes sociais e difundindo o problema por outros centros escolares para que todos os pais e nais afectados por este perigo para os nosos fillos e fillas nos unamos nunha soa voz. Por iso pedimos a vosa colaboración e que fagades chegar esta carta apoiándonos ás institucións e á empresa responsables desta situación de risco. Isto axudará a que outros colexios e concellos sigan o exemplo e retiren os plásticos en contacto coa comida e bebida dos nenos. Para firmar a petición podedes ir a:
www.change.org/es/peticiones/fernandoguiti%C3%A1n-plasticomedoresnonevita-que-os-nosos-fillos-comanpl%C3%A1stico#
www.plasticomedores.wordpress.com
www.facebook.com/plasticomedoresNON
https://twitter.com/plasticomedores
Nota 1: http://www.who.int/ceh/publications/endocrine/en/index.html
César Lema Costas