Trucados polo teimudo carneiro do sistema.

1.15.1.2

Estamos todos os días na rúa. Pateámola coa esperta rabia, liberada no berro da impotencia, que choca nos cornos do teimudo carneiro do sistema.

“As mulleres volvemos a soportar a dura situación de ter que acatar leis retrógradas, saídas dunhas mentes enfermas, que se cren con dereito a mandar no teu corpo, na túa sexualidade e que che impiden actuar libremente para decidir abortar”

As mulleres volvemos a soportar a dura situación de ter que acatar leis retrógradas, saídas dunhas mentes enfermas, eclesiásticas, de comuñón diaria. Unhas persoas que se cren con dereito a mandar no teu corpo, na túa sexualidade e que che impiden ao mesmo tempo actuar libremente para decidir abortar. Este é o retroceso ao ano 1985 polo que o Sr. Ministro pretende mandar no útero das mulleres. Para el só somos máquinas de fecundación, e el é o todopoderoso, o salvador da «vida» outorgado ese don «por obra y gracia de la Santa Madre Iglesia» e dos seus adeptos máis acérrimos OREMOS.

Falemos tamén daqueles que pechan hospitais, crean repago sanitario (vixente nalgunha comunidade e servizos sanitarios, como dependencia: centros de día, ocupacionais,  teleasistencia, xubilados, enfermos crónicos …). Exclúen da sanidade a quen lles peta, e non teñen ningún reparo en saltarse unha lista de espera, por riba de pacientes realmente graves e de verdadeira urxencia. Implantan a consulta telefónica. Falarlle a un médico por este dispositivo dos signos, dos síntomas, semella posíbel mais non me parece factíbel que consiga dar co diagnóstico correcto da enfermidade. Un xuízo clínico nestas circunstancias cunha entrevista clínica dende a distancia, só coa retransmisión da voz, sen terte enfronte, sen verte. Coido que vai ser unha tarefa complicada. Quizais, dotando os centros de atención primaria con utensilios de adiviñación: bolas de cristal, péndulos, cartas de tarot…

Saír á rúa acotío estase a converter nun costume, nunha necesidade vital cada vez que xorde un novo ataque aos dereitos máis básicos. Pretenden deixarnos sen a posibilidade dunha sanidade pública. Facer negocio a costa da saúde, dos usuarios é un acto de terrorismo. Mais a vara de medir deles e a do cidadán non é igual. Isto é algo que todos sabemos ben. E vémolo claro na maior parte dos procesos de corrupción, que alteran aínda máis o equilibrio da equidade. Como o caso Nóos, o feito de ser princesa, ou xenro de, fai que a xustiza mire para outro lado. «Con la Monarquía hemos topado».

Haberá que esperar á resolución para descubrir se a xustiza actuará coa mesma firmeza que con calquera outra persoa.

“Volvemos a pasos axigantados a unha sanidade para ricos e outra
para pobres”

Volvemos a pasos axigantados a unha sanidade para ricos e outra para pobres. Esta realidade recórdame que cando eu tiña dezanove anos, operáronme de urxencia de apendicite. Como estaba fóra da protección da seguridade social dos meus pais, despois da operación miña nai tivo que ir ao concello, e pedir un certificado, para procurar a posibilidade de entrar por pobre. Ese trámite foi favorable e finalmente non houbo que pagar. Non estamos tan afastados desta situación. O tempo só é unha cuestión de reloxo, mais nada. O progreso é só unha palabra, sen significado real.

A cada instante, unha nova lei péganos de cheo na cara e transpórtanos a un tempo que semella ficar preso na involución. Vivimos baixo o dominio dunha autocracia, que estende o vao fedento da inxustiza cara os estamentos máis febles da sociedade.

sanidade vigoFoto:Galiza Contrainfo

Mentres estas novas tecnoloxías da miseria acaparan a totalidade dos centros de saúde, infinidade de persoas en idade de traballar incrementan aínda máis a lista do desemprego. E os que teñen a sorte de traballar, fano nunhas condicións lamentabeis. Todo vale para alimentar un réxime corrupto. Para que uns poucos privilexiados vivan a costa dos demais, dos que con tanto esforzo intentamos sobrevivir.

Deliberadamente arrástrannos á indixencia. A ser individuos de segunda clase, servos dun amo: O capitalismo.

Pretenden converternos en seres sen voz, monicreques do seu guiñol. Amedrentarnos e amputarnos a vontade, para que fiquemos quedos. Mais non deberían subestimar o poder de reacción dos oprimidos. Finalmente o pobo será quen de fincar os pés nas gorxas do autócrata. Porque nun estado ditatorial, só nos queda optar pola rebelión. Chegados a este punto, cando todas as dilixencias non nos levan a unha solución xusta, cando contrariamente, observamos a diario unha reiterada vulneración dos dereitos máis básicos, non nos queda outra que o enfrontamento, a guerra. Pois o maleficio das tesoiras perséguenos inexorabelmente, coma os flashes intermitentes dunha esquizofrenia.

Cruz Martínez

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *