Pola igualdade das diferenzas

1.10.8.1 anxelesTendemos a clasificalo todo, facemos categorías, e moitas veces perdemos a visión do conxunto.

A unhas cualidades determinadas chamámoslles femininas e a outras o contrario, por que? Habería que esnaquizar os estereotipos e voltar a comezar.”

Todos e todas, temos o noso lado feminino e masculino, iso din. A unhas cualidades determinadas chamámoslles femininas e a outras o contrario, por que? Habería que liberar os valores, esnaquizar os estereotipos e voltar a comezar. Quen decide que prevalezan uns a costa de matar ou silenciar aos outros? Nacemos homes ou mulleres, seres humanos, que en teoría deberiamos ser libres e iguais, cos mesmos deberes e dereitos. Pola contra, esas dúas condicións marcan as diferenzas.

Os feminismos xorden como unha reacción fronte a unha continuada situación de inxustiza. Moitas veces son desacreditados por considerar que producen enfrontamento, que son excluíntes ou que veñen sendo a reclamación da muller por ocupar o lugar do home e facer o mesmo á inversa.

A loita non debería ser entre matriarcado e patriarcado, senón á procura da igualdade.

Os feitos falan por si mesmos. A muller, polo feito de selo, é desprezada nas sociedades, nas crenzas, relixións: contra o seu corpo, que hai que tapar con panos e burkas (segue medrando o seu uso), a ablación xenital (140 millóns de mulleres aínda na actualidade segundo a OMS), lategazos, ácidos na pel, lapidación, por ser considerada propiedade do home, violación e abusos sexuais, sen dereito á educación, obrigada a casarse, vendida
como escrava sexual, abandonada por nacer nena, peor pagada nos traballos, maltratada e asasinada pola propia parella, o obxecto de vinganza nos conflitos, e moitos aldraxes máis, moitísimos, disfrazados na linguaxe, na publicidade, nos libros de texto, nas políticas, nas familias, na educación…

Se ser feminista é estar en contra desta inxustiza e actuar para evitala, entón son feminista. Aínda que o termo non me gusta, pero supoño que é así por nivelar, xa que en loitas tan desiguais hai que tirar con máis forza do lado que leva as de perder. Queda moito por facer, e para conseguilo, deberiamos estar todas as persoas xuntas, homes e mulleres, cun obxectivo común: a procura da igualdade de dereitos e liberdades sen distinción de ningún tipo, que ademais fará que toda a humanidade saia gañando en dignidade.

Ánxeles Bouzó F.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *