Xentrificación do Casco Vello.

XentrificaciónA xentrificación é un proceso de transformación urbana que dá lugar á rexeneración de barrios abandonados polas institucións. No recoñecemento deste proceso temos que ter en conta varios eixes: abandono, revalorización e chegada de capital privado. Así temos un área da cidade tradicionalmente en estado de abandono por parte das institucións, provocando unha sensación de inseguridade dentro desta para o resto da cidadanía. A continuación teñen lugar políticas orientadas a unha rehabilitación desas áreas facendo que resulte atractiva a entrada de capital, o que provoca a substitución da poboación desa área (de poucos recursos) por outra de maior poder adquisitivo atraída polas novas oportunidades e a nova posta en valor do barrio.

Este proceso pódese observar no barrio do Casco Vello, o cal sufriu o abandono durante anos por parte do concello provocando unha degradación dos tecidos sociais, facendo esta área nada atractiva para o resto da veciñanza. Hoxe, o Consorcio do Casco Vello está a impulsar políticas de rehabilitación do barrio a través da compra de inmobles e locais que, tras a súa recuperación, ofrécense a baixo custe co obxectivo de facer o barrio máis atractivo ao consumo e ao resto da poboación. Pero isto ten un dobre fío, xa que o fin é facer atractiva a entrada de capital privado, construtoras e axentes financeiros, os cales procurarán facer negocio especulativo co barrio.

“O concello pechou Sereos, un centro de atención a drogodependentes que ficaba na rúa Elduayen, co pretexto de falta de presuposto.”

Estas políticas producen o desprazamento das persoas con menos recursos como é o caso dos drogodependentes e as prostitutas. Deste xeito, o concello pechou Sereos, un centro de atención a drogodependentes que ficaba na rúa Elduayen, co pretexto de falta de presuposto. Máis lonxe da realidade, instalouse unha unidade móbil que rematou integrándose no albergue de Marqués de Valterra. Isto deixa claro os intereses económicos que existían nesta decisión política do peche. Outra medida é o labor que se está facendo coa compra de prostíbulos na Ferrería, o cal non supón unha solución real para as prostitutas, que se verán na obriga de desprazarse a outras zonas que non se constitúen como atractivas para o turismo e ao proceso de tercialización que queren fomentar na cidade.

Autorría: Angel Jodorkovski.

Foto: Septem Trionis.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *